sábado, 1 de julio de 2017

OS LIBROS MÁIS LIDOS DO CURSO 2016-2017 (1ª PARTE)

Rematado xa o curso, imos ver cales foron os libros da biblioteca máis prestados nos niveis de Infantil e Primaria:


10. Océanos e mares (Nicola Davies): esta fermosa obra, publicada en galego por Baía Edicións, nos achega ao mundo das profundidades mariñas, dos grandes océanos..., a través de impactantes imaxes como a da portada. Este libro foi un dos máis prestados este curso, e tivo especial éxito entre o alumnado de 3º e 4º de Primaria. Á mesma colección pertencen outros títulos, como Aves, Insectos, Baleas e golfiños ou Casas de animais, todos eles presentes na biblioteca.










9. Fantasmas no corredor (Agustín Fernández Paz): entre a listaxe de obras máis prestadas este curso tamén se sitúa esta dun autor moi especial para nós, o xenial Agustín Fernández Paz, antigo profesor do Fogar, que dá nome á nosa/vosa biblioteca. Este libro, publicado por Xerais, achéganos a un dos grandes medos que nos atacan a todos cando nenos: a escuridade. Nel, Mariña, a protagonista, múdase coa súa familia a unha nova casa, na que pronto descobre que o corredor está cheo de pantasmas. O humor, moi presente nesta historia, amosarase como o mellor remedio contra calquera medo.








8. Biblioburro (Jeanette Winter): temos que dicir que nos encanta que este libro, publicado por Editorial Juventud, fose un dos máis prestados este ano, pois nos demostra a admiración que os nosos alumnos senten pola solidariedade, pola xenerosidade e polo amor polos demais. E é que esta historia non é outra cousa que iso: solidariedade, xenerosidade e amor. Como ben podemos ler na portada, trátase dunha historia real, acontecida en Colombia, e que nos fala de Luis, un mestre que un bo día decidiu que, coa axuda dos seus dous burros, Alfa e Beto, ía levar libros ás persoas das zonas rurais máis afastadas, que non teñen acceso a eles. Desde ese momento, Luis percorre o país coa súa biblioteca ambulante.





7. A praia da esperanza (Agustín Fernández Paz): outra obra de Agustín Fernández Paz que se encontra entre as máis prestadas este curso. Trátase dun libro de Xerais, escrito durante os meses en que Galicia viviu a catástrofe do Prestige, e que, a través dun relato no que se mesturan fantasía e realidade, nos lembra a intensa resposta social que se produciu naquel inverno.












6. Cuentos en verso para niños perversos (Roald Dahl): entre os libros máis prestados non podía faltar  un autor como Roald Dahl, que cada curso consegue facer desfrutar os nenos do Fogar con obras como Matilda ou As bruxas. Este curso, tivo especial éxito unha das súas obras máis divertidas, Cuentos en verso para niños perversos, publicada por loqueleo (antes Alfaguara). A esta obra lle dedicamos todo un mes na biblioteca, tempo durante o cal alumnos de 6º de Primaria dramatizaron para diferentes grupos as hilarantes versións que Roald Dahl creou dos contos clásicos para este libro. 









5. La aventura de los Balbuena en el lejano Oeste (Roberto Santiago): este libro, pertencente a Los Forasteros del Tiempo, a nova serie de Roberto Santiago, autor e ilustrador doutra das series de máis éxito dos últimos tempos, Los Futbolísimos, foi unha das novidades chegadas este curso á biblioteca. Desde o primeiro día se converteu nun dos títulos máis demandados polo alumnado de Primaria. Todos aqueles que queirades desfrutar desta serie de aventuras e viaxes no tempo publicada por SM, non dubidedes en pasar pola biblioteca á volta das vacacións de verán. Alí atoparedes todos os títulos da colección.








4. Monstruo rosa (Olga de Dios): este fermoso álbum creado por Olga de Dios e publicado por Apila Ediciones namorou os pequenos e grandes lectores do Fogar desde que chegou á biblioteca, cunha historia que nos amosa o valor da diferenza, e nos ensina a entender a diversidade como un elemento enriquecedor da nosa sociedade. Traducido xa a idiomas como o euskera, o portugués, o francés, o chinés, o xaponés ou o coreano, acadou importantes premios en moi diversos países: Francia, Estados Unidos, Colombia, México, Brasil...






3. Malala / Iqbal (Jeanette Winter): este álbum publicado por Editorial Juventud e creado por Jeanette Winter, autora tamén doutra das obras presentes nesta listaxe, Biblioburro, impactou os alumnos do Fogar, con duas historias reais, cheas de valentía, protagonizadas por dous nenos paquistanís, Malala e Iqbal, que denunciaron a inxustiza no seu mundo. Primeiro foi Iqbal Masih, quen denunciou a escravitude infantil nas fábricas de alfombras de Paquistán. Logo, Malala Yousafzai defendeu o dereito das nenas a iren á escola.




2. Amelia Earhart (Mariadiamantes e Mª Isabel Sánchez Vegara): se houbo unha colección que engaiolou as nenas e os nenos do Fogar este curso, esta foi Pequeña Y GRANDE, de Alba Editorial, unha serie que pretende poñer en valor o papel da muller na sociedade. Para iso nos achega a grandes figuras femininas da historia, desde científicas como Marie Curie, até escritoras como Agatha Christie ou artistas como Ella Fitzgerald, Frida Kahlo ou Audrey Hepburn. Todos os títulos da colección están presentes na biblioteca, polo que animamos a aqueles que aínda non desfrutastes desta fermosa e impactante colección, a mergullarvos na súa lectura o curso que vén. Entre os títulos da serie, tivo especial éxito entre o alumnado o dedicado a unha muller valente e aventureira, a aviadora norteamericana Amelia Earhart.




1. Guapa (Canizales): Guapa foi a obra máis prestada este curso desde a biblioteca; un libro publicado, ao igual que Monstruo rosa (tamén presente nesta listaxe) por unha das nosas editoriais favoritas: Apila Ediciones, unha editorial especializada no álbum infantil, nacida no 2007 no seo da Escuela de Arte de Zaragoza, e que está a apostar moi forte por autores e ilustradores que están a iniciar a súa carreira, como é o caso do creador desta obra: Canizales. Este fermoso e divertido álbum conquistou os pícaros do Fogar cunha historia protagonizada por unha bruxa e un ogro, que nos lembra que debemos ser fieis a nós mesmos, e non deixarnos levar polos comentarios dos outros. E é que todos somos especiais e fermosos tal e como somos.






GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar
GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar

jueves, 1 de junio de 2017

ENCONTRO DE FRAN ALONSO CO ALUMNADO DE 1º E 2º DA ESO

Na tarde de onte tivemos o pracer de recibir no Fogar a un deses autores que fan lectores, que achegan a literatura á xente nova, sen artificios innecesarios, falándolles de ti a ti. Amosándolles que a literatura é algo cercano, natural e, sobre todo, que é alimento.

Como ben dixo Fran durante o encontro, os libros son un elemento sen o que podemos vivir perfectamente; de feito moita xente así o fai. Porén, os libros son viaxes, imaxinación, lugares, experiencias, sentimentos... Mergullarse nun libro é abrir as fiestras e ollar mil mundos. Si, todos podemos vivir sen libros, mais con eles vivimos máis e mellor, sentimos máis e mellor, viaxamos máis e mellor.

Este encontro tivo como público o alumnado de 1º e 2º da ESO, que se puido achegar así ao autor de Contos nerviosos, obra que leron e desfrutaron este curso. Este libro sorprendente e no que o inesperado xorde coa forza que transmite Fran en cada palabra, está publicado por Edicións Embora, unha editorial valente, que cada día vai gañando máis presenza dentro do panorama literario galego, con apostas tan interesantes como as coleccións A igualdade conta e Fardel dos soños. 

Aquí vos deixamos algunhas fotos do encontro:







E logo de escoitar a Fran Alonso, chegou a hora de asinar os libros:







Todos aqueles que desexedes coñecer máis cousas acerca deste autor xenial, non tedes máis que picar aquí. E os que queirades achegarvos ao proxecto editorial de Edicións Embora, podedes picar aquí.


lunes, 29 de mayo de 2017

O TEATRO FAILLE FRONTE AO PARKINSON

Hai uns meses recibimos a visita de Eva, nai de Enma, alumna de 6º de Infantil A, que nos fixo desfrutar cunha fantástica sesión de contacontos. Ademais desta divertida actividade, a visita tamén nos serviu para falar con Eva do seu labor na Asociación Parkinson Galicia-Coruña. Froito desta conversa xurdiu unha actividade de colaboración entre os nenos do Fogar e os pacientes desa asociación: os alumnos de 6º prepararían unha obra de teatro e os membros da asociación elaborarían o decorado para dita obra. Logo, adornariamos a biblioteca con dito decorado e os nenos de 6º representarían a obra ante os pacientes da Asociación Parkinson Galicia-Coruña. 

Lucía Pérez, Andrea, Laura, Sofía, Uxía, Jaime, Abraham, Noel, Simón, Ainhoa, Shaila, Lucía Lariño, Joana e Candela, e os seus profesores Carola, Miguel e María, ilusionáronse enormemente co proxecto desde o primeiro momento. A obra Carapuchiña ao revés botaba a andar...



Os rapaces comezaban cos primeiros ensaios, coas primeiras dúbidas, cos primeiros risos e, sobre todo, cos bos momentos que nos fixo pasar esta actividade. Ir establecendo o vestiario de cada personaxe foi tamén un elemento importante, solucionado facilmente grazas á xenerosidade das familias e dos rapaces. Roupa de familiares, disfraces do entroido que tiñamos por casa, xoguetes dos nosos primos...  Entre todos, compartindo, pronto tivemos disposto o vestiario.












Mais o esforzo non só comezaba no Fogar. Na Asociación Parkinson Galicia-Coruña a obra tamén botaba a andar. Foron moitas as horas que vós, os pacientes da asociación, lle dedicastes á elaboración do decorado. Por iso vos queremos dar as grazas. Sodes, simplemente, un exemplo. E neste labor houbo unha persoa fundamental: Belén, unha das logopedas da asociación, que guiou a elaboración do decorado. A ti, Belén, querémosche agradecer tamén a implicación que amosaches en todo momento. Sen todo o teu esforzo, que sabemos que foi moito, esta actividade tería resultado imposible.








Así, mentres nós ensaiabamos nos recreos, na asociación confeccionaban un decorado que, cando o recibimos, nos fixo ficar sen palabras. Desde aquí só o podemos calificar de espectacular. Queredes velo? Aquí o tedes:



Liñas atrás referinme aos ensaios nos recreos, e é que foi neses momentos, durante o recreo da mañá e o de comedor, cando, día tras día ensaiabamos na biblioteca. A vós, as actrices e os actores desta obra, queremos dicirvos desde a biblioteca, que foi un pracer compartir eses momentos con vós. En cada ensaio vos vimos dialogar, apoiarvos, axudarvos uns aos outros e, sobre todo, desfrutar. E nós desfrutamos enormemente xunto a vós.









E así pasaron os meses, até que chegou o gran día...





Tanto esforzo por parte duns e de outros, só podía ter como resultado unha sesión na que todos desfrutamos enormemente, e na que vós, as actrices e os actores de 6º, puxestes en escena toda a ilusión que fostes acumulando en cada ensaio.
















Esta actividade non foi máis que unha obra feita entre dous: o Fogar e a Asociación Párkinson Galicia-Coruña. Un proxecto de colaboración no que os nenos e as nenas de 6º, e os pacientes da asociación e Belén, a súa logopeda, achegaron cada un o seu gran de area para un obxectivo común: berrar ben alto que todos contamos. Nenas e nenos, xóvenes e maiores..., todos sumamos. 

E, por suposto, con esta actividade queremos dar visibilidade a unha doenza, o Parkinson, que é a segunda enfermidade neurodexenerativa máis frecuente no planeta, e que afecta a 6,3 millóns de persoas en todo o mundo. Tendo en conta estes números, tórnase evidente o labor fundamental e tan necesario de entidades como a Asociación Parkinson Galicia-Coruña, que loita cada día por axudar tanto os afectados por esta enfermidade, como os seus familiares. Para todos aqueles que desexedes coñecer máis acerca do traballo que leva a cabo esta asociación, non tedes máis que visitar a súa páxina, picando aquí.

Como remate desta actividade, no mes de xuño a Asociación Párkinson Galicia-Coruña visitará, novamente, o Fogar para levar a cabo un obradoiro destinado a achegar os nosos nenos a esa realidade chamada Párkinson.