domingo, 31 de mayo de 2015

ENTREVISTA AOS AUTORES DA OBRA O GRILO MÍLLELO


Lucía Ramos Pan e Andrea Lago Mera, alumnas de 1º de Bacharelato, realizaron unha entrevista aos autores do noso xa coñecido O grilo Míllelo (Edicións Embora, 2014), Xosé Manuel Varela, profesor de Lingua e Literatura Galega, e Icía Varela Gómez, alumna de 3º da ESO.

Velaquí vai a entrevista:
O grilo Míllelo «saíu deses contos orais que se lles narran aos fillos polas noites»
Lucía Ramos Pan e Andrea Lago Mera
O profesor do noso centro, Xosé Manuel Varela e a súa filla, Icía Varela Gómez, tamén compañeira do Fogar, acaban de publicar un libro para os máis pequenos: O grilo Míllelo.
A obra foi publicada no selo editorial de Edicións Embora de Ferrol. É un proxecto colectivo que combina narrativa, poesía, música, voces, ilustracións e teatro. As ilustracións son do betanceiro Xosé Tomás e a música do gaiteiro malpicán Suso Moreira.
O libro encádrase dentro do xénero da narrativa infantil na franxa de idade de primeiros lectores.
Icia Varela a lerlles O grilo Míllelo aos máis cativos do Fogar.
Lucía e Andrea (LeA): Como se vos ocorreu a idea de escribir o libro? Houbo algo ou alguén que vos empurrase a facelo?
Icía Varela (IV): Cando era pequena, meu pai sempre me lía contos á hora de durmir. Entón, un día apeteceunos e decidimos poñernos a escribir.
LeA: E de onde saíu a idea do tema do libro?
Xosé Manuel (XM): Un día fomos á aldea, coma de costume, e durante un paseo polo campo encontramos un grilo. Decidimos traelo para A Coruña. Ese foi o xerme para escribir sobre un grilo.
LeA: Por que un libro para nenos?
XM: Mmm... Xa tiña textos escritos para nenos, o que pasa é que esta era a obra máis redonda, a máis acabada. De todos modos, o proceso de creación non foi intencionado, senón espontáneo. Non foi nada de «ímos sentar aquí na mesa e artellar un libro de rapaces», senón que saíu deses contos orais que se lles narran aos fillos polas noites na cama á hora de durmir.
LeA: Gustouvos traballar xuntos? Como distribuístes o traballo?
IV e XM: Sempre temos visións distintas para todas as presentacións, aínda que ó final cheguemos a un punto de encontro. Isto tamén pasou no momento da súa escrita. O reparto do traballo foi un pouco a iniciativa dos dous: cada un achegaba unha idea ó conxunto do libro. Agora, estamos contentos e orgullosos de facérmolo en común.
Presentación da obra cos autores, con Suso Moreira (músico) e con Xosé Tomás (ilustrador).

LeA: Canto tempo vos levou rematalo?
IV: Moito, moito tempo. Empezamos cando eu tiña cinco anos e agora teño case quince, así que sobre uns dez anos. Primeiro, pasou por varias editoriais. Por último, Embora brindounos esta oportunidade de sacalo á rúa.
LeA: Gustaríavos escribir outro libro xuntos?  Tedes algo en mente?
IV: Si, estamos no proceso creativo con outros dous. Eu tamén teño dous relatos escritos. Un deles, segundo me teñen comentado,  é parecido a Alicia no país das marabillas. A idea do outro ocorréuselle a meu pai: trata sobre paxaros que están engaiolados, pero engaiolados da natureza. Por agora aínda non sabemos como vai rematar, xa que os contos nunca rematan como empezan.
LeA: Xosé Manuel, este libro e máis especial para ti ao escribilo coa túa filla?
XM: Si, foi especial por estar escrito coa miña filla, e ademais, porque foi un proxecto no que se involucrou moita xente, desde músicos, un compositor, un ilustador… É o libro no que participei onde hai máis xente involucrada. Ademais xente moi nova, porque algúns músicos incluso teñen dez anos.
LeA: Entón, podemos dicir que de todos os teus libros este é o que máis che gusta?
XM: Si. Téñoo máis cerca cronoloxicamente. É un libro que está moi vivo porque andamos de rolda de presentacións por colexios e concellos. Ademais, as ilustacións de Xosé Tomás son magníficas. Por todo isto é un libro moi vistoso, moi atraente. Mais isto non significa que non houbese outras publicacións que tamén me gustasen no seu momento.
A "Banda do Grilo" a interpretar as cancións do libro en Radio Voz.

LeA: Icía, a ti de pequena xa che gustaba ler e escribir ou foi máis ben teu pai quen che inculcou esa afección?
IV: Desde sempre me gustou ler e escribir, mais é certo que foi el quen me deu ese impulso para me dedicar a isto.
LeA: E pensaches en dedicarte á literatura cando sexas maior?
IV: Si, pero non de modo  profesional. Gustaríame dedicarme só como afección.
LeA: E, por último, Xosé Manuel, que consello lle darías a alguén que quixese ser escritor?
XM: Pois que escriba. Iso é o fundamental: escribir moito. Estamos agora cun libro, un grupo de catro persoas e levamos dous anos traballando nel, escribindo e revisando borradores. Xa está a punto de rematarse. Non é un libro de creación, senón de recuperación de textos. En definitiva, para escribir hai que empregar moito tempo, ler e rachar moitos borradores.

jueves, 28 de mayo de 2015

VISITA DE XABIER P. DOCAMPO

Ano tras ano, entre os autores máis demandados na biblioteca do Colexio, encóntrase Xabier P. DoCampo. Obras como Cando petan na porta pola noite, O armario novo de Rubén, A nena de auga e o príncipe de lume, O Pazo Baleiro ou un dos grandes clásicos da literatura xuvenil en galego, como é O misterio das badaladas, fan desfrutar cada curso a todos os lectores que se atreven a mergullarse entre as páxinas creadas por este escritor xenial. Por iso, supuxo un auténtico pracer para todos os que conformamos a familia do Fogar a visita coa que nos agasallou a pasada semana. Nun animado encontro cos alumnos de 3º da ESO, DoCampo conversou cos rapaces sobre unha das súas últimas obras, A illa de todas as illas, un tributo do autor a todos aqueles libros de aventuras ambientados en illas desertas que dunha maneira ou doutra o marcaron nalgún momento da súa vida. Aquí vos deixamos algunhas fotos da sesión:







domingo, 24 de mayo de 2015

TARDES DE CONTOS NA BIBLIOTECA

No Fogar cremos firmemente na importancia fundamental da lectura para o crecemento de toda persoa. Nesta convicción, achegar os nenos aos libros é unha das principais preocupacións de todos nós. Os libros outorgan aos nenos a chave a mundos de fantasía, apórtanlles información e coñecementos, fomentan neles valores positivos e axúdanlles a ampliar e organizar o seu universo, a adquirir novo vocabulario, a traballar a memoria, a desenvolver a súa creatividade e a coñecerse mellor a sí mesmos. 

Así, no empeño de facilitar o surximento desa amizade natural que se establece entre os pequenos e os libros, a comezos de curso decidiuse que cada tarde nenos de Infantil visitasen a biblioteca para mergullarse entre as letras e as ilustracións das obras do seu "rincón de Infantil". Deste xeito, en cada viaxe á biblioteca desfrutan vendo os libros, manoseándoos, intercambiándoos, comentándoos e escollendo os que máis lles gustan para levalos en préstamo para as súas casas. Desde aquí esperamos que estes préstamos lle deran a oportunidade a moitos pais e a moitos fillos de desfrutar xuntos dun momento máxico como é a lectura en familia, xusto antes de ir durmir.

Cada unha destas visitas á biblioteca, permitiunos gozar de divertidas sesións de contacontos nas que os pequenos se divertiron con historias como O galo Quirico, El pez Arcoiris, La vocecita, A vaca que puxo un ovo, A Cebra Camila ou La historia de los bonobos con gafas.











E logo do conto, os nenos realizan distintas actividades sobre o mesmo:




 Algunhas destas actividades servíronnos para deixar así de bonita a biblioteca:



Moitos foron os contos que se escoitaron nestas tardes na biblioteca. Moitos os que quedan por escoitar.

sábado, 23 de mayo de 2015

FALEMOS DE LIBROS...



Esta semana falamos de libros con Abel Buela Martínez
alumno de 4º de Primaria e gran amante do fútbol. 
Abel, fiel seareiro do Barcelona, leva a súa paixón 
por este deporte aos terreos de xogo, defendendo 
as cores do Imperátor, equipo do que é porteiro. 
Gran afeccionado ao cine, as súas películas favoritas 
son Transformers e as de Indiana Jones.

1.Que estás a ler agora mesmo?
Agora mesmo estou a ler contos de detectives.


2.Cal é o teu libro favorito?
Os meus libros favoritos son os de Gerónimo Stilton, porque vive moitas aventuras e viaxa moito.


3.Cal é a túa personaxe favorita?
A miña personaxe favorita é Gerónimo Stilton, porque se mete en moitos líos.


4.Cal é o teu autor favorito?
A miña autora favorita é Bárbara Park, porque me gusta moito o que escribe.


5.Cal é o teu xénero favorito? (aventura, terror, policiaco, amor, ciencia-ficción, humor, cómic, poesía...)
Os meus xéneros favoritos son aventura e cómic, porque me entreteñen moito.


6.Un libro para chorar...
Nunca lin un libro de chorar.


7.Un libro para rir...
Os comics de Mortadelo e Filemón.


8.Con que libro pasaches máis medo?
Nunca lin un libro de medo.


9.O teu poema favorito...
         "Os tesouros"

Os tesouros dos rapaces
son inxenuos e sinxelos.
Os tesouros dos maiores
son ruíns e medoñentos.

(Unha chea de aloumiños, de Antonio García Teijeiro)

10.Cal vai ser a túa próxima lectura?
Algún cómic de Asterix e Obelix.

viernes, 22 de mayo de 2015

ESTRELAS, PLANETAS E COMETAS NA BIBLIOTECA MUNICIPAL FORUM METROPOLITANO

Interésanche as estrelas, os meteoros, os planetas e os satélites? Se a resposta é si, a bo seguro que terás desfrutado da ampla selección de libros relacionados co espazo que durante varias semanas inundou a nosa biblioteca.


Mais..., gustaríache seguir adentrándote neste apaixonante mundo da Astronomía? Pois estás de sorte! Durante os meses de maio, xuño e xullo, a Biblioteca Municipal Forum Metropolitano organiza, baixo o título "É o cosmos", unha exposición na que poderás encontrar unha selección dos mellores materiais relacionados coa Astronomía, que inclue as novelas e películas de ciencia ficción máis destacadas da historia, as cales poderás levar en préstamo para a túa casa. Ademais, entre novelas como Crónicas marcianas de Ray Bradbury, O xogo de Ender de Orson Scott Card ou Cita con Rama de Arthur C. Clarke e filmes como Blade Runner de Ridley Scott, Dune de David Linch ou a saga completa de Star Wars, tamén poderás atopar diferentes actividades nas que poder participar, como o taller "Quero ser astronauta", dirixido a nenos de 9 a 13 anos, ou a charla "As estrelas: máis preto do que imaxinas", para todas a idades.

Se queres saber máis: https://biblioforum.wikispaces.com/Astronomia_%C3%A9_o_cosmos

jueves, 21 de mayo de 2015

NOVAS DOAZÓNS PARA A BIBLIOTECA!

Comezamos este curso recibindo unha importante doazón de libros dunha editorial tan prestixiosa como SM. A ela lle temos que agradecer, por exemplo, a incorporación aos nosos fondos de varios volumes de dúas das coleccións que máis están a triunfar entre os lectores do Fogar: Los Futbolísimos, de Roberto Santiago, e Las aventuras del Capitán Calzoncillos, de Dav Pilkey. Porén, a biblioteca tamén a construides vós, todas as familias que doades os vosos libros para que estes poidan ser lidos por calquera alumno do Colexio. 
Esta semana foron dúas as familias que nos obsequiaron con varias obras que sen dúbida farán desfrutar a todos os rapaces que se mergullen entre as súas páxinas: a familia Castiñeira Rial e a familia Arrojo Casal. A ámbalas dúas, e en especial a Lucía (5ºA) e a Aitana (4ºC): moitísimas grazas! Grazas pola vosa xenerosidade, por lembrarnos o valor do verbo compartir e por entender que todos os que formamos parte do Fogar non somos senón unha pequena-gran familia.




domingo, 17 de mayo de 2015

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2015!

Como todos sabedes, hoxe, 17 de maio, celébrase o día das nosas letras. Varios dos vosos compañeiros decidiron celebrar esta data dunha forma moi especial: compartindo con todos vós os seus libros favoritos en galego. Aquí os tedes!


video

Moitas grazas, rapaces, por participar!

sábado, 16 de mayo de 2015

...E OS DE SECUNDARIA IMPROVISAN UNHA HOMENAXE A CUNQUEIRO NA BIBLIOTECA

Para celebrar o Día das Letras Galegas, Román, profesor de Música, prepara cada ano unha serie de cancións baseadas en textos de autores homenaxeados en anos anteriores. Este ano, os alumnos de 3ªA de ESO deleitáronnos na biblioteca coa súa versión de «Quen puidera namorala». 
Esta canción está baseda no poema «No niño novo do vento», pertencente á obra Cantiga nova que se chama Riveira de Álvaro Cunqueiro
Aquí vos deixamos o vídeo:


video

Moitas grazas, rapaces!

viernes, 15 de mayo de 2015

OS RAPACES DE PRIMARIA DECORAN A BIBLIOTECA PARA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Este domingo, 17 de maio, celébrase o Día das Letras Galegas, polo que os rapaces de Primaria decidiron decorar a biblioteca para a ocasión. Para iso elaboraron carteis, cada un dos cales está dedicado a un autor homenaxeado en anos anteriores, e nos que figura unha foto do escritor e un texto (ou fragmento dun texto) deste. Con estes carteis a biblioteca vestiuse de gala para o día 17.

Berta, Xiana, Aldara, Iria, Iker, Brais, Andrés, Lola, Sara, Marina, Patricia, Julia, Adrián, Óscar, Xoel, Gabriel, Samuel, Amanda, Nuria, Xiao, Manuela, Abel, Martina, Sofía e todos os que axudáchedes na elaboración deste traballo: MOITAS GRAZAS POLO VOSO ESFORZO!

Sofía con Pondal (1965)
Amanda xunto a Rosalía de Castro (1963)

Martina xunto a Xosé María Díaz Castro (2014)
Adrián xunto a Curros (1967) e Novoneyra (2010)
Bouza Brey (1992), Lorenzo Varela (2005) e Pintos (1975)

Abel con Castelao (1964)


Blanco Amor (1993), Cabanillas (1976) e Vidal Bolaño (2013)

Lois Pereiro (2011)
Cunqueiro (1991)
Fole (1997) e  Amado Carballo (1982)
Pimentel (1990) 
   
Manuel Antonio (1979)

miércoles, 13 de mayo de 2015

"ADIVIÑA O FRAGMENTO": PISTA II

A semana pasada publicamos a primeira pista para axudarvos a descubrir a que libro pertence o fragmento da nosa nova mesa temática, a policiaca. 
Hoxe deixámosvos unha nova pista, que é a seguinte: 


Unha pipa, elemento característico do protagonista da novela que buscades. 

E ademais dámosvos a solución da anterior pista. Picando sobre a foto do autor poderás descubrir quen é...



martes, 12 de mayo de 2015

FALEMOS DE LIBROS...



Esta semana falamos de libros con 
Izan González Alcaldealumno de
5º de Primaria ao que lle encanta tanto
xogar ao fútbol como a lectura.
Izan non é só un asiduo da biblioteca
do colexio senón tamén das
Bibliotecas Municipais da Coruña.




1.Que estás a ler agora mesmo?


2.Cal é o teu libro favorito?
Diario de Greg. Un pringao total, de Jeff Kinney, porque é moi divertido.


3.Cal é a túa personaxe favorita?
A avoa do libro As bruxas, de Roald Dahl.


4.Cal é o teu autor favorito?
Roald Dahl, porque fai libros moi divertidos, como As bruxas.


5.Cal é o teu xénero favorito? (aventura, terror, policiaco, amor, ciencia-ficción, humor, cómic, poesía...)
Aventura, policiaco, humor e cómic.


6.Un libro para chorar...
Para chorar a gargalladas, Historias policiacas divertidas, de Wolfgang Ecke.


7.Un libro para rir...
El pirata Garrapata, de Juan Muñoz Martín.


8.Con que libro pasaches máis medo?
O libro co que pasei máis medo foi La sombra del gato y otros relatos de terror, de Concha López Narvaez.


9.O teu poema favorito...
"Lo que no puede el Sol", de Sagrario Pinto, pertencente ao seu libro La casa de los días.

El Sol quería un refresco
porque tenía calor
y en el cielo no encontraba
granizado de limón.
El Sol lleva un gran sombrero,
se pone gafas de sol,
se baña en muchas piscinas,
tiene hasta ventilador...,
pero jamás ha probado
un helado de turrón,
ni la leche merengada,
ni una horchata,
ni un bombón.
El Sol llora.
Se evaporan
sus lágrimas
con el Sol.


10.Cal vai ser a túa próxima lectura?

lunes, 11 de mayo de 2015

A MÚSICA DAS NOSAS LETRAS

O próximo 17 de maio, como cada ano desde 1963, celébrase o Día das Letras Galegas, este ano adicado a Xosé Filgueira Valverde. Entre os autores homenaxeados outros anos figuran persoeiros tan destacados como Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Alfonso Daniel R. Castelao, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor ou Ánxel Fole.
Moitos dos textos destes autores e de moitos outros aos que se lles adicou este día, foron musicalizados por grandes voces da nosa terra como Amancio Prada, Uxía ou Mini e Mero. Aquí vos deixamos unha pequena mostra. Desfrutádea!

"Adiós ríos, adiós fontes" de Rosalía de Castro, na voz de Amancio Prada:
 

Poema "Negra sombra" de Rosalía de Castro, na voz de Luz Casal:
                                           













Poema "Lela" de Castelao, interpretado polo grupo Astarot:
                                        












"¡Probiña da tola!" de Cabanillas, interpretado por Amancio Prada e Juan Pardo:
 

"Eu en ti" de Celso Emilio Ferreiro, na voz de Uxía:
 

"María Soliña" de Celso Emilio Ferreiro, interpretado por Luar na Lubre:
 

"No niño novo do vento" de Cunqueiro, na voz de Luis Emilio Batallán:
  

"Penélope" de Xosé María Díaz Castro, interpretado por Mero e Mini:

viernes, 8 de mayo de 2015

UNHA LEMBRANZA PARA MAURICE SENDAK

Un día coma hoxe de hai xa tres anos, o mundo perdía ao inolvidable Maurice Sendak, un dos máis grandes escritores de literatura infantil de todos os tempos.


Desde o blog queremos homenaxealo compartindo con todos vós, en linguaxe audiovisual, a súa obra máis destacada, Onde viven os monstros, un clásico da literatura para nenos.

jueves, 7 de mayo de 2015

SAÍDA PEDAGÓXICA DOS ALUMNOS DE 2º DA ESO

Os alumnos de segundo de Secundaria desfrutaron na xornada de onte, como veñen facendo cada ano, dunha saída por Cabana de Bergantiños. Xosé Manuel Varela, profesor de Lingua e Literatura galegas e gran coñecedor da zona, guiou a visita por lugares tan significativos como o Dolmen de Dombate, o Castro de Borneiro, a Pedra da Arca ou a Croa do Castro de Cerqueda. 
Esta visita permitiu aos alumnos achegarse ao noso pasado megalítico e á cultura castrexa, ademais de darlles a oportunidade de desfrutar dunha paisaxe marabillosa. 

Picando aquí poderedes ver un vídeo da saída publicado na Voz de Galicia e picando en cada unha das imaxes, poderedes coñecer máis sobre algúns dos lugares visitados.


Dolmen de Dombate
Castro de Borneiro
  
Pedra da Arca

Croa do Castro de Cerqueda


Ademais, proximamente na biblioteca poderedes desfrutar dos traballos sobre a saída realizados polo alumnado que acudiu á mesma e tamén dos de anos anteriores, que pasarán a formar parte da nosa nova sección «As vosas creacións».

martes, 5 de mayo de 2015

"ADIVIÑA O FRAGMENTO": PISTA I

Xa sabedes a que obra pertence o fragmento da nosa "mesa policiaca"? Para todos aqueles que aínda non o descubrirades, aquí vos deixamos unha pista: unha foto do autor da obra.
 


Logo dos concursos das mesas de terror, de fantasía, de aventuras e de amor, este será o derradeiro deste curso, así que vos animamos a todos a participar. 
Por se precisades algunha axudiña máis o autor da obra queda escribindo a próxima pista...