domingo, 31 de mayo de 2015

ENTREVISTA AOS AUTORES DA OBRA O GRILO MÍLLELO


Lucía Ramos Pan e Andrea Lago Mera, alumnas de 1º de Bacharelato, realizaron unha entrevista aos autores do noso xa coñecido O grilo Míllelo (Edicións Embora, 2014), Xosé Manuel Varela, profesor de Lingua e Literatura Galega, e Icía Varela Gómez, alumna de 3º da ESO.

Velaquí vai a entrevista:
O grilo Míllelo «saíu deses contos orais que se lles narran aos fillos polas noites»
Lucía Ramos Pan e Andrea Lago Mera
O profesor do noso centro, Xosé Manuel Varela e a súa filla, Icía Varela Gómez, tamén compañeira do Fogar, acaban de publicar un libro para os máis pequenos: O grilo Míllelo.
A obra foi publicada no selo editorial de Edicións Embora de Ferrol. É un proxecto colectivo que combina narrativa, poesía, música, voces, ilustracións e teatro. As ilustracións son do betanceiro Xosé Tomás e a música do gaiteiro malpicán Suso Moreira.
O libro encádrase dentro do xénero da narrativa infantil na franxa de idade de primeiros lectores.
Icia Varela a lerlles O grilo Míllelo aos máis cativos do Fogar.
Lucía e Andrea (LeA): Como se vos ocorreu a idea de escribir o libro? Houbo algo ou alguén que vos empurrase a facelo?
Icía Varela (IV): Cando era pequena, meu pai sempre me lía contos á hora de durmir. Entón, un día apeteceunos e decidimos poñernos a escribir.
LeA: E de onde saíu a idea do tema do libro?
Xosé Manuel (XM): Un día fomos á aldea, coma de costume, e durante un paseo polo campo encontramos un grilo. Decidimos traelo para A Coruña. Ese foi o xerme para escribir sobre un grilo.
LeA: Por que un libro para nenos?
XM: Mmm... Xa tiña textos escritos para nenos, o que pasa é que esta era a obra máis redonda, a máis acabada. De todos modos, o proceso de creación non foi intencionado, senón espontáneo. Non foi nada de «ímos sentar aquí na mesa e artellar un libro de rapaces», senón que saíu deses contos orais que se lles narran aos fillos polas noites na cama á hora de durmir.
LeA: Gustouvos traballar xuntos? Como distribuístes o traballo?
IV e XM: Sempre temos visións distintas para todas as presentacións, aínda que ó final cheguemos a un punto de encontro. Isto tamén pasou no momento da súa escrita. O reparto do traballo foi un pouco a iniciativa dos dous: cada un achegaba unha idea ó conxunto do libro. Agora, estamos contentos e orgullosos de facérmolo en común.
Presentación da obra cos autores, con Suso Moreira (músico) e con Xosé Tomás (ilustrador).

LeA: Canto tempo vos levou rematalo?
IV: Moito, moito tempo. Empezamos cando eu tiña cinco anos e agora teño case quince, así que sobre uns dez anos. Primeiro, pasou por varias editoriais. Por último, Embora brindounos esta oportunidade de sacalo á rúa.
LeA: Gustaríavos escribir outro libro xuntos?  Tedes algo en mente?
IV: Si, estamos no proceso creativo con outros dous. Eu tamén teño dous relatos escritos. Un deles, segundo me teñen comentado,  é parecido a Alicia no país das marabillas. A idea do outro ocorréuselle a meu pai: trata sobre paxaros que están engaiolados, pero engaiolados da natureza. Por agora aínda non sabemos como vai rematar, xa que os contos nunca rematan como empezan.
LeA: Xosé Manuel, este libro e máis especial para ti ao escribilo coa túa filla?
XM: Si, foi especial por estar escrito coa miña filla, e ademais, porque foi un proxecto no que se involucrou moita xente, desde músicos, un compositor, un ilustador… É o libro no que participei onde hai máis xente involucrada. Ademais xente moi nova, porque algúns músicos incluso teñen dez anos.
LeA: Entón, podemos dicir que de todos os teus libros este é o que máis che gusta?
XM: Si. Téñoo máis cerca cronoloxicamente. É un libro que está moi vivo porque andamos de rolda de presentacións por colexios e concellos. Ademais, as ilustacións de Xosé Tomás son magníficas. Por todo isto é un libro moi vistoso, moi atraente. Mais isto non significa que non houbese outras publicacións que tamén me gustasen no seu momento.
A "Banda do Grilo" a interpretar as cancións do libro en Radio Voz.

LeA: Icía, a ti de pequena xa che gustaba ler e escribir ou foi máis ben teu pai quen che inculcou esa afección?
IV: Desde sempre me gustou ler e escribir, mais é certo que foi el quen me deu ese impulso para me dedicar a isto.
LeA: E pensaches en dedicarte á literatura cando sexas maior?
IV: Si, pero non de modo  profesional. Gustaríame dedicarme só como afección.
LeA: E, por último, Xosé Manuel, que consello lle darías a alguén que quixese ser escritor?
XM: Pois que escriba. Iso é o fundamental: escribir moito. Estamos agora cun libro, un grupo de catro persoas e levamos dous anos traballando nel, escribindo e revisando borradores. Xa está a punto de rematarse. Non é un libro de creación, senón de recuperación de textos. En definitiva, para escribir hai que empregar moito tempo, ler e rachar moitos borradores.

No hay comentarios:

Publicar un comentario