viernes, 28 de agosto de 2015

LER DE CINE

Hoxe inauguramos no blog unha nova sección, "LER DE CINE", na que vos iremos presentando películas que están baseadas en libros, invitándovos a desfrutar destas historias en ambos formatos. 

Nesta primeira entrada da sección queremos render unha homenaxe a un escritor do que hoxe se cumpren vinte anos da súa morte: o xenial Michael Ende, creador de obras inesquecibles como O segredo de Lena, A sopeira e o cazo, Momo e, especielmente, A historia interminable, todas as cales están a agardar por vós tanto na biblioteca do Fogar como nas Bibliotecas Municipais da Coruña. 




Precisamente a última das obras que acabamos de mencionar é a que hoxe vos presentamos aquí. A historia interminable (1979) narra os afáns e temores de Bastián Baltasar Bux, un neno que, logo de roubar certo libro maravilloso, comeza a lelo escondido no rocho do seu colexio. As páxinas da obra iranlle revelando o terrible perigo que ameaza o Reino de Fantasía: a súa princesa está gravemente enferma, a piques de morrer, mentres a Nada, unha praga que devora o universo facéndoo invisible, comeza a se estender por Fantasía. Á princesa unicamente poderá salvala a chegada dun heroe descoñecido que lle dará o seu novo nome, co que poderá seguir vivindo e reinando. A medida que Bastián avanza na lectura, vai comprendendo que ese heroe é el, e a súa anguria aumenta mentres pensa no mellor medio para penetrar en Fantasía na procura do enigmático nome que só el logrará descubrir. 

Se queredes mergullarvos nesta emocionante obra de Michael Ende, non tedes máis que pasar pola biblioteca do Fogar á volta das vacacións ou hoxe mesmo pola Biblioteca Municipal máis próxima.




Esta obra, ao igual que outros libros do autor, como Momo (á que, sen dúbida, lle dedicaremos máis adiante unha entrada nesta sección), foi levada ao cine, acadando un enorme éxito. Neste caso, a versión cinematográfica, estreada en 1984, foi producida por Warner Bross. Desde aquí vos convidamos a que pasedes polas Bibliotecas Municipais e levedes en préstamo a versión en DVD de A historia interminable, da que a bo seguro desfrutaredes enormemente. 

Aquí vos deixamos un petisco da película:



miércoles, 26 de agosto de 2015

SABÍAS QUE...?

Un 26 de agosto de 1880 nacía o considerado como creador dos caligramas: o poeta vangardista francés Guillaume Apollinaire. O título dunha das súas obras, Calligrammes (1918), fusión dos termos caligrafía e ideograma, servíu para darlle nome a estes poemas visuais nos que as palabras e os versos se dispoñen formando imaxes.



Porén, se ben é certo que os caligramas, tal e como os coñecemos hoxe, llos debemos a Apollinaire, realmente, as súas orixes se remontan moito máis atrás no tempo, á atiguidade, desde os poemas figurativos de Simias de Rodas no período helenístico, até os extraordinarios exercicios de caligrafía árabe:

Simias de Rodas ("Dobre machado")
Caligrama árabe ("León")
                         

Desde entón, son moitos os exemplos de caligramas que foron aparecendo, algúns deles creados pola man máxica de autores galegos:

(Manuel Antonio)



(Emma Pedreira)
(Agustín Fernández Paz)
Aquí vos deixamos algúns outros igualmente fermosos:







E vós?, animádesvos a crear algún?

domingo, 23 de agosto de 2015

DÍA INTERNACIONAL DO RECORDO DA TRATA DE ESCRAVOS E DA SÚA ABOLICIÓN

Hoxe, 23 de agosto, conmemorouse o Día Internacional do Recordo da Trata de Escravos e da súa Abolición, unha data que serve para lembrarnos non só unha triste e dolorosa realidade do pasado, senón tamén para concienciarnos e facernos reflexionar sobre un feito tan terrible como incontestable: hoxe en día, a escravitude, lonxe de estar erradicada, segue a estar moi presente na vida de millóns de persoas. Así, as cifras revelan un dato estarrecedor: na actualidade existen no mundo 27 millóns de escravos, dos cales, o 50% son nenos, coma ti. Nenos que son obrigados a desempeñar os máis duros traballos en longas xornadas nas que palabras como "xogar", "sorriso" ou "colexio" fican totalmente desterradas. 
Aquí vos deixamos unha simple imaxe, unha simple mirada dun neno que nos chama a todos nós á reflexión...



Ademais, vos recomendamos unha lectura: O paxaro do mel, do escritor galego Adolfo Caamaño, unha apaixonante novela de aventuras ambientada na Abisinia (a actual Etiopía) ocupada polos italianos a finais do século XIX. Nesta obra atopámonos cos irmáns Kassai e Yaíza, pastores da tribo dos danákil, e con Mario, un amigo que chegou até esas afastadas terras do leste do continente africano para reunirse co seu pai. Os tres rapaces deberán enfrontarse ao temible míster Angus Harris e a súa banda de zaireños, que secuestraron a Saídha, a nai dos dous irmáns, e a outros veciños da aldea danákil para vendelos como escravos. Así, coa intención de liberar aos seus, emprenderán unha difícil persecución da caravana, véndose obrigados a atravesar a selva prohibida, onde entre as ruínas dun templo atoparán a árbore do saber, o mono do papiro e seguirán a estela da cor vermella do paxaro do mel.


sábado, 22 de agosto de 2015

SABÍAS QUE...?

Tal día como hoxe, un 22 de agosto, pero do ano 1920 nacía en Illinois (Estados Unidos) Ray Bradbury, escritor que cultivou xéneros como o de misterio, o fantástico, o de terror e, especialmente, o de ciencia-ficción, do cal se convertiría nun auténtico mestre grazas, sobre todo, a dúas das súas obras máis coñecidas: Crónicas marcianas e Fahrenheit 451.


Crónicas marcianas, publicada en 1950, reúne unha colección de relatos que nos sitúan perante as primeiras viaxes a Marte e a súa posterior colonización por parte dunha Humanidade que abandona a Terra na procura dun lugar no que establecerse. Os humanos levarán consigo enfermidades que afectarán gravemente aos marcianos e amosarán moi pouco respecto por unha cultura planetaria, misteriosa e apaixonante, que os habitantes do Planeta Vermello tratarán de protexer ante a rapacidade dos terrícolas.


"Cando por primeira vez saíron do foguete ao aire da noite, facía tanto frío que Spender comezou a xuntar a seca leña marciana e preparou unha pequena fogueira. Non falou de celebracións; recolleu a leña, prendeuna, e mirou como ardía.
No resplandor que iluminaba o aire enrarecido daquel seco mar de Marte, mirou por riba do ombro e viu o foguete que os trouxera a todos, ao capitán Wilder e a Cheroke e Hathaway e Sam Parkhill e a el mesmo, a través dun escuro e silencioso espazo estrelado até este mundo irreal e morto."


Fahrenheit 451 sitúanos nun estraño e horroroso futuro no cal vive Montag, o protagonista da obra, que pertence a unha particular brigada de bombeiros cuxa misión, paradoxalmente, non é a de apagar incendios, senón a de provocalos coa fin de queimar libros. E é que no país de Montag está terminantemente prohibido ler, pois ler obriga a pensar, e no país de Montag está prohibido pensar, e ler impide ser feliz, e no país de Montag hai que ser feliz á forza...


"Queimar era un pracer.
Proporcionaba un gozo especial ver os obxectos devorados polo lume, ennegrecidos e transformados. O sangue batíalle na cabeza cada vez que agarraba a boca da mangueira e a pitón enorme cuspía queroseno velenoso sobre o mundo. Entón as súas mans convertíanse nas mans dun director de orquestra incrible e con elas dirixía sinfonías de lume e resplandor ata derrubar os rescaldos da historia.
Cubriu a cabeza impasible co casco, que levaba gravada a cifra simbólica 451; os ollos ardéronlle en chamas laranxas ao imaxinar o que estaba por vir. Un segundo despois prendeu o inflamador e a casa elevouse nun lume insaciable que pintou o ceo nocturno de cor encarnada, amarela e negra.
Avanzou entre un enxame de vermes carpinteiros. Naquel momento o que máis desexaba era entrar en calor mentres os libros moribundos sacudían as ás brancas coma pombas, mentres os libros agonizantes formaban remuíños de faíscas e se deixaban arrastrar polo vento escuro."

Se vos apetece mergullarvos nas páxinas dalgunha destas obras, non dubidedes en pasar pola biblioteca do Fogar á volta das vacacións, pois as dúas están dispoñibles para vós. Ademais, anunciámosvos que entre as novidades que chegaron á biblioteca para este próximo curso se encontra outra obra de Ray Bradbury: La bruja de abril y otros cuentos, que contén catro inquietantes relatos nos que poderedes atopar cuartos de xogar que reproducen en imaxes os pensamentos dos seus donos, bruxas con grandes desexos de namorarse (aínda que para iso teñan que introducirse no corpo doutras persoas), sirenas de faros capaces de relacionarse con monstros mariños, problemas raciais no planeta Marte, etc.

"Aquello nadaba lentamente y con gran majestuosidad por las gélidas y oscuras aguas. La niebla iba y venía sobre aquello, borrando momentáneamente su forma. Uno de los ojos del monstruo recibió y despidió el reflejo de nuestra inmensa luz, roja, blanca, roja, blanca, como un disco que, mantenido en alto, enviaba un mensaje en un código primitivo. Era tan silencioso como la niebla entre la que nadaba."

jueves, 13 de agosto de 2015

CHEGA A BANDA DESEÑADA!

Es un apaixonado do cómic e das aventuras de Asterix e Obelix, de Tintín e de Lucky Luke? Desfrutas cos tebeos de Mortadelo e Filemón ou de Zipi e Zape? Gustaríache coñecer os perigos aos que se enfrontan superheroes como Iron Man, Batman, Hulk ou Daredevil nas últimas entregas das súas sagas? Se a resposta é si, non esquezas pasar estes días polos Xárdíns de Méndez Núñez, na cidade da Coruña, xa que até o domingo 16 de agosto celébrase o Salón do Cómic "Viñetas desde o Atlántico", unha cita imprescindible para todo afeccionado ao mundo da banda deseñada que, como cada verán, nos achega as últimas novidades do xénero, os grandes clásicos, os autores consagrados e noveis...








domingo, 2 de agosto de 2015

RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN (2ªPARTE)

Chegados xa ao ecuador do verán, aínda vos queda por diante todo o mes de agosto para desfrutar dos amigos, da praia, das viaxes e, como non, de mil e unha lecturas. Para todos aqueles que non teñades claro que libro escoller para ler estes días, aquí vos deixamos algunhas suxestións:

video


Boas vacacións!