viernes, 28 de agosto de 2015

LER DE CINE

Hoxe inauguramos no blog unha nova sección, "LER DE CINE", na que vos iremos presentando películas que están baseadas en libros, invitándovos a desfrutar destas historias en ambos formatos. 

Nesta primeira entrada da sección queremos render unha homenaxe a un escritor do que hoxe se cumpren vinte anos da súa morte: o xenial Michael Ende, creador de obras inesquecibles como O segredo de Lena, A sopeira e o cazo, Momo e, especielmente, A historia interminable, todas as cales están a agardar por vós tanto na biblioteca do Fogar como nas Bibliotecas Municipais da Coruña. 




Precisamente a última das obras que acabamos de mencionar é a que hoxe vos presentamos aquí. A historia interminable (1979) narra os afáns e temores de Bastián Baltasar Bux, un neno que, logo de roubar certo libro maravilloso, comeza a lelo escondido no rocho do seu colexio. As páxinas da obra iranlle revelando o terrible perigo que ameaza o Reino de Fantasía: a súa princesa está gravemente enferma, a piques de morrer, mentres a Nada, unha praga que devora o universo facéndoo invisible, comeza a se estender por Fantasía. Á princesa unicamente poderá salvala a chegada dun heroe descoñecido que lle dará o seu novo nome, co que poderá seguir vivindo e reinando. A medida que Bastián avanza na lectura, vai comprendendo que ese heroe é el, e a súa anguria aumenta mentres pensa no mellor medio para penetrar en Fantasía na procura do enigmático nome que só el logrará descubrir. 

Se queredes mergullarvos nesta emocionante obra de Michael Ende, non tedes máis que pasar pola biblioteca do Fogar á volta das vacacións ou hoxe mesmo pola Biblioteca Municipal máis próxima.




Esta obra, ao igual que outros libros do autor, como Momo (á que, sen dúbida, lle dedicaremos máis adiante unha entrada nesta sección), foi levada ao cine, acadando un enorme éxito. Neste caso, a versión cinematográfica, estreada en 1984, foi producida por Warner Bross. Desde aquí vos convidamos a que pasedes polas Bibliotecas Municipais e levedes en préstamo a versión en DVD de A historia interminable, da que a bo seguro desfrutaredes enormemente. 

Aquí vos deixamos un petisco da película:



No hay comentarios:

Publicar un comentario