sábado, 21 de noviembre de 2015

VIAXANDO POLO ESPAZO CUN COELLIÑO BRANCO

Unha semana máis a biblioteca foi escenario de diversas sesións de contacontos nas que coñecimos tías verdes, vacas que poñen ovos e coelliños brancos. Ademais viaxamos polas estrelas...

O luns comezamos a tarde con 4º de Inf. B e a lectura de A miña tía é verde! (SM), de Xosé Cermeño, unha fermosa historia que nos lembra a importancia da familia e que nos amosa o valor das diferenzas e de aceptar a cada persoa tal e como é.





E a xornada continuou con dúas sesións máis, nas que os nenos de 4º de Inf. C e 4º de Inf. A gozaron coa lectura de A vaca que puxo un ovo (Patasdepeixe), unha divertidísima obra con texto de Andy Cutbill e ilustracións de Russell Ayto, na que se nos conta a historia de Marjorie, unha vaca que desexa facer algo diferente, e un día faino: pon un ovo. Ou non? Sobre isto algo teñen que dicir as súas amigas as galiñas...


A lectura desta obra realizárona Alba Soutullo Ogea e Héctor Díaz-Araque Aba, alumnos de 4º A de Primaria, que fixeron desfrutar enormemente aos pequenos.





O martes os nenos de 6 de Inf. A, logo da visita de hai uns días ao planetario, viaxaron de novo polo espazo grazas a obras como Descubrimos... el espacio (Panini Books) e El espacio al dedillo (Combel), coas que lembramos conceptos como o de galaxia, planeta, Vía Láctea ou satélite.







A tarde do martes despedímola cos pequenos de 6º de Inf. B, que desfrutaron coa historia de Pancho, o elefante gris, e dos seus amigos Monosabio e Perico, que logo de fuxir do Circo Continental, vivirán numerosas aventuras no intento de voltar ao seu fogar.


Os encargados de achegar aos nenos esta fermosa obra de Antonio Santos, titulada A viaxe de Pancho e publicada por Kalandraka, foron Ángelo de Juán Moreira e Noa Rama Budiño, alumnos de 4ºB de Primaria.





Tras A viaxe de Pancho, David Moure Fernández leulles aos seus compañeiros de grupo Monstruo ¡sé bueno! (Juventud), un libro no que o lector é o auténtico protagonista e que será o encargado de educar uns monstros revoltosos, ruidosos e gruñóns.




Este álbum humorístico que nos fala dos modais fixo reflexionar aos nenos sobre os bos e os malos hábitos, ao tempo que permitiu aos pequenos desfrutar coas súas impactantes ilustracións, realizadas por Natalie Marshall.









O mércores foi unha xornada de moita actividade na biblioteca. O día comezou coa visita dos máis pequenos, os nenos da Gardería, aos que Melanie Dasantes Perez, alumna de FP, agasallou cunha animada sesión de contacontos na que gozaron con ¡Pato! ¡Conejo! (SM), con texto de Amy Krouse Rosenthal e ilustracións de Tom Lichtenheld, un libro cheo de humor no que atopamos un claro protagonista: a ilusión óptica.


Nun segundo momento, Melanie leulles aos pequechos Iago vai á escola (Tambre), de Liesbet Slegers, na que o protagonista vive o seu primeiro día de colexio cheo de tensión ante o descoñecido: un ambiente distinto, xente nova e nenos diferentes. Ao final, Iago fai moitos amigos, desfruta con divertidas actividades e volve para a casa cheo de ledicia.





E como non só nos gusta recibir visitas, senón tamén realizalas, máis tarde, 6º de Inf. B, que o día anterior xa desfrutara con A viaxe de Pancho, asistiu na súa clase á lectura de A caixa do tesouro (Kalandraka) , levada a cabo por Sara Vázquez García (1ºESO A).



Os pícaros gozaron coa lectura desta historia escrita por Xosé Antonio Neira Cruz e ilustrada por María Lires.





A xornada continuou cunha actividade que xa está chegando á súa fin, "Bruxas contra monstros". Desta vez os terribles e simpáticos monstros de 5º de Primaria afastaron o medo cara ás bruxas dos alumnos do grupo de 3ºC de Primaria, mediante unha obra que xa se converteu nun clásico na biblioteca do Fogar: ¿Cómo machacar brujas? (Edaf).







Xa pola tarde, as divertidas bruxas de 5º de Primaria actuaron diante dos nenos de 2ºC, aos que lles ensinaron que non deben ter medo dos monstros e os instruiron en diversas formas de actuar fronte a eles. A sesión xirou arredor da lectura do tamén clásico ¿Cómo machacar monstruos? (Edaf).





E ao final da sesión, agardávanos unha grata sorpresa: Silvia, a súa mestra, comezou a lernos Las brujas (Alfaguara), do xenial Roald Dahl, auténtico mestre da Literatura Infantil e Xuvenil. Os nenos levaron o libro para a súa clase, para continuar a lelo tranquilamente e poder desfrutar desta divertida e terrorífica historia de humor fantástico.


E vós? Algún sabe como recoñecer a unha bruxa? E que me podedes dicir da Gran Bruxa Suprema? E sabedes que en cada país existe unha Asociación de Bruxas? E sobre todo, coñecedes os terribles efectos da "Fórmula 86. Facedor de Ratos de Acción Retardada"? Se queredes responder a estas cuestións e, sobre todo, se queredes desfrutar cunha obra terriblemente divertida, non dubidedes en achegarvos até a biblioteca para ler este libro de Roald Dahl.


                                     


Está dispoñible tanto en galego como en castelán, e en ambas as linguas con ilustracións do fantástico Quentin Blake:







E entre conto e conto foi avanzando a semana. Xoves e venres os tres grupos de 5º de Inf. e tamén os nenos de 6ºC dese mesmo nivel foron pasando pola biblioteca en diferentes sesións para desfutar coa actividade "Aquí estou!", celebrada en torno ao fermoso libro O coelliño branco (Kalandraka), conto popular portugués adaptado por Xosé Ballesteros.


Esta actividade serviu para que os nenos pasaran un momento divertido coa lectura, relacionando os libros co pracer, mais tamén para cultivar a capacidade de atención dos pequenos. A cada un deles se lle entregou un títere que representaba unha das personaxes da obra e cada vez que a súa personaxe aparecía no conto, tiñan que levantalo e berrar: Aquí estou! Aquí vos deixamos algunhas fotos das diferentes sesións, a primeira das cales estivo dirixida por dúas contacontos de primeira: Marta García Rojo e Raquel Arias Pombo, alumnas de 3ºESO A.
















Así remata a semana. A partir do luns: máis contos, máis historias e máis diversión. Isto non fixo máis que comezar...



No hay comentarios:

Publicar un comentario