sábado, 12 de diciembre de 2015

O APALPADOR, MOITO TEATRO E UN CAN CHAMADO GASTÓN

Esta semana lectiva de tan só tres días comezou na biblioteca coa visita dos alumnos de 3ºB de Primaria, que puideron coñecer ao Apalpador grazas ao fermoso conto de Xoán G. O Apalpador, publicado por Biblos.


Por medio desta obra os rapaces achegáronse a este xeneroso carboeiro do Caurel, que coa súa barba rubia e a súa boina, baixa cada 24 de decembro desde as altas montañas nas que vive para facerlle unha particular visita aos nenos galegos: entra paseniño nas casas, sen facer ruído, e apalpa as barrigas dos pícaros que durmen a pracer para saber se están ben alimentados. Logo, como agasallo de Nadal, déixalles unha presa de castañas e algún regalo.

E ao mércores seguiu o xoves, xornada na que o teatro inundou a biblioteca da man dun grupo de alumnos de 6ºC de Primaria, que representaron unha adaptación teatral da obra O traxe novo do rei (Kalandraka), na versión realizada por Xosé Ballesteros do famoso conto de Hans Christian Andersen.



A obra, representada en tres pases ao longo do día, permitíu aos tres grupos de 5º de Infantil e aos compañeiros de clase destes actores tan profesionais, rir a cachón cunha xornada teatral que só se pode calificar como: enormemente divertida.















Moitas grazas, Eugenia, Fernando, Ana Souto, Hugo, Ana Robles, Laura e Raquel por todos os recreos que pasastes ensaiando na biblioteca, polo voso esforzo e bo humor durante estes ensaios e pola vosa xenerosidade á hora de preparar a obra para o desfrute dos pequenos.



Xa no último día da semana, os nenos de 6º de Inf. C desfrutaron cunha deliciosa obra escrita por Kelly Dipucchio e ilustrada por Christian Robinson: Gastón (Andana Editorial), unha conmovedora historia que nos lembra que o verdadeiro sentido de pertenza vén de dentro.







Porén, a nosa semana deu para moito máis. Así, recibimos tamén un gran agasallo froito da xenerosidade da familia Garea Veiga e, en especial, de Candela, alumna de 4ºC de Primaria que xa nos fixo desfrutar máis dunha vez co seu bo facer como contacontos, e que nesta ocasión doou un lote de libros para que todos vós, os alumnos do Fogar, os poidades desfrutar. Na foto que deixamos a seguir podédela ver cunha das obras que doou: La guerra de los gigantes, a segunda entrega de Ossidea, a apaixonante saga de fantasía épica escrita por Tim Bruno e protagonizada por David Dream, un mozo que acaba nun reino descoñecido cunha misión desesperada que cumprir: chegar á Cidade do Ceo e salvar os elfos do sanguinario exército de Kahós.



E ademais, non podemos rematar esta entrada sen dar a benvida a un interesante blog creado por Lucía Costa López (1ºESO A), unha das alumnas que máis colabora coas actividades do Plan Lector e das máis comprometidas co fomento da lectura entre os seus compañeiros dos diferentes niveis. Se vos apaixonan os libros non dubidedes en entrar en http://el-mundode-los-libros-espana.webnode.es/, un lugar onde atoparedes obras recomendadas por outros alumnos do Fogar, e onde vós tamén poderedes suxerir lecturas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario