viernes, 8 de enero de 2016

E CUN PAI MOI ESPECIAL E UN MONSTRO ROSA COMEZA UN 2016 DE CONTO

Atrás quedou un 2015 cheo de contos que rematou cun divertidísimo concurso de monólogos, co tradicional concurso de postais de Nadal e cunha visita de altura: a do xenial Xoán Babarro, un dos autores máis premiados da nosa literatura. E o 2016 xa está aquí, e vén cargado de contos, de concursos, de teatro e de mil e unha actividades coas que esperamos que todos vós, os alumnos do Fogar, desfrutedes enormemente.

Nesta semana de tan só dous días lectivos, na biblioteca vivimos os primeiros contacontos do ano, protagonizados por un papá moi especial e por un entrañable monstro rosa. Así, o xoves, os nenos de 5º de Infantil A asistiron á lectura de Mi papá (Kókinos), escrito por Coralie Saudo e ilustrado por Kris di Giacomo, no que o neno protagonista do conto nos presenta ao seu pai, un home grande e forte que, porén, ten unha enorme debilidade: polas noites non quere ir durmir. Este pai tan especial protesta, remolonea, pide un conto tras outro e inventa mil escusas para non ficar a soas no cuarto, mentres nós asistimos, divertidos, aos intentos do fillo por lograr adormecelo.






Os pequenos de 5º de Inf. A tiveron o privilexio de escoitar este fermoso conto nas voces de Natalia Mouriño Domínguez e Sergio Fernández Alonso, alumnos de 3º ESO B, que fixeron as delicias dos rapaces nunha das sesións máis divertidas deste curso.





Xa na xornada do venres foi o grupo de 5º de Inf. B quen asistiu á lectura deste conto:





Tamén no día de hoxe, venres, visitaron a biblioteca os nenos de 6º de Inf. C, cos que lemos un conto cheo de tenrura e de optimismo que nos lembrou algo fundamental: o valor da diferenza. Esta obra de Olga de Dios, gañadora de numerosos premios, leva por título Monstruo rosa (Apila Ediciones).






Aquí vos quedan un par de fotos da sesión:





E para a semana novas historias están a agardar por nós. Historias que os pequenos poderán escoitar na voz de compañeiros como Yago, Candela, Inés ou Lucía, que xa están a preparar as lecturas, ansiosos por espertar un sorriso nos nenos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario