sábado, 20 de febrero de 2016

COMEZAMOS CUN SEGREDO E REMATAMOS BAILANDO UN BOOGIE

A volta do Entroido trouxo consigo diferentes sesións de contacontos que xiraron, fundamentalmente, arredor de catro obras: dúas delas, O segredo de Flora e Quen pode vencer o vento?, servíronnos para reflexionar sobre aspectos tan importantes como a humildade, a constancia ou o dominio da ira; mentres que as outras dúas, A casa da mosca chosca e El boogie de los culitos, ambas enormemente divertidas, permitíronnos rir ás gargalladas grazas a uns animais moi especiais.

O segredo de Flora (Edicións Embora), de Paloma Rodríguez, ensinounos un método infalible para controlar esa rabia que nos invade en ocasións. Agora, grazas a este segredo, os nenos de 5º de Inf. A e C, e os seus compañeiros de 6º de Inf. A, xa nunca pegarán, nin morderán, nin berrarán cando se enfaden, pois cando noten que esas formigas que percorren o noso corpo cando nos enfadamos comezan a aparecer, lembrarán a canción que cantamos xuntos estes días:
Un, dous, tres,
o enfado polas mans.
Un, dous, tres,
o enfado polos pés.
Un, dous, tres,
o enfado xa se vai.
Un, dous, tres,
o enfado xa o botei.

E aquí tedes os pequenos dos diferentes grupos atendendo á lectura, que en varias das sesións correu a cargo dulgún dos alumnos "maiores", como Santiago Molinelli Marcote (1ºESO B), Álex Souto Novalbos (1ºESO A) ou Icía Varela Gómez (4ºESO A).







Desde o blog recomendamos este libro, sen dúbida un dos que máis fixo desfrutar aos nenos no que levamos de curso.



Mais os nenos de 5º de Inf., ademais de aprender a controlar esa rabia que nos invade cando nos enfadamos, tamén riron a cachón coa divertida historia dunha mosca chosca que, cansa de zoar e zoar, decidiu construír unha casa. Unha vez acabada a casa, fixo unha saborosa tarta de amoras para celebralo, e esta ulía tan ben que o seu aroma chegou ao nariz de numerosos animais do bosque, que acudiron a merendar tan suculento manxar... A casa da mosca chosca (Kalandraka), unha adaptación dun conto popular ruso realizada pola pontevedresa Eva Mejuto, conta, ademais, cunhas divertidísimas ilustracións realizadas por un artista multidisciplinar, como é o barcelonés Sergio Mora.





Nunha destas sesións foi Icía Varela Gómez (4ºESO A) quen leu o conto aos pequenos, que a escoitaron moi atentos:






E nestes días tamén ocupamos varias das sesións en reflexionar sobre o valor da humildade e da constancia, a partir da lectura de Quen pode vencer o vento? (OQO), de Charo Pita.


Ciro Ienco Montenegro e Aitor Pampín Pérez (ambos de 6ºC de Primaria) foron os encargados de contar este conto aos pícaros de 5º de Inf. B e aos de 6º de Inf. C. Ainhoa, alumna deste último grupo, desfrutou enormemente escoitando o conto na boca do seu irmán Aitor.




E o venres despedimos a semana bailando un divertido boogie cos nenos de 6º de Inf. C. Os pequenos foron dirixidos por cinco coreógrafas de 4º B de Primaria: Sara Fernández Cedeira, Lucía Fresco Regueira, Malena Mata Otero, Gaia Perfini Benoit e Lucía Rodríguez Blanco. Este baile realizámolo logo da lectura de El boogie de los culitos (SM), escrito e ilustrado por Guido van Genechten. Trátase este dun divertido libro que nos demostra que os pais poden coidar dos pequenos tan ben como as nais, aínda que en ocasións o fagan dun xeito ben peculiar.
Aquí vos quedan unhas fotos da sesión:





E como despedida, desde o Fogar queremos dar as grazas á familia Pampín Montero e á familia Martínez Ferreira, que estes días doaron cadanseu lote de libros para a biblioteca. Grazas á súa xenerosidade, todos vós poderedes desfrutar, por exemplo, de novas aventuras de Tea Stilton e de Kika Superbruja. Aquí vos queda unha foto de Emily María Martínez Ferreira (3ºC de Primaria) con tres dos libros que doou:



No hay comentarios:

Publicar un comentario