miércoles, 25 de mayo de 2016

CONTOS, ABRAZOS, VISITA Á GRANXA O VENTOSO E UNHA CIFRA MOI ESPECIAL

Esta semana pasada, na que só tivemos tres días de "cole", tivo un claro protagonista: os abrazos. Así, grazas a unha fermosa obra de Scott Campbell recén chegada á biblioteca, titulada La máquina de los abrazos (Andana Editorial), falamos cos nenos da importancia de expresar as nosas emocións, da empatía e do inmenso poder dos abrazos. Se este álbum está agora á vosa disposición na biblioteca é grazas a Candela Garea Veiga, alumna de 4ºC de Primaria, que nolo recomendou. A obra gustounos tanto que decidimos adquirila. Así que: moitas grazas, Candela! E todos aqueles que queirades suxerirnos lecturas, xa sabedes...

Alba Carrodeguas Rodríguez e Marta García Rojo, alumnas de 3ºESO A foron as encargadas de achegar a obra aos pequenos de Infantil:



Aquí podedes ver os nenos atentos á lectura:




E este contacontos só podía rematar dunha maneira: con abrazos!


E non só os nenos de Intantil puideron gozar coa obra de Scott Campbell, senón que tamén os pícaros da Gardería desfrutaron dela grazas a Noa Rama Budiño (4ºB de Primaria):



Marta e Alba, axudadas esta vez por Raquel Arias Pombo (tamén de 3ºESO A), contaron aos nenos de Infantil un novo conto: Tibulí sueña con colores (Planeda DeAgostini), de Myriam Ouyessad e Arnaud Nebbache, unha fermosa historia protagonizada por un pequeno oso polar que, farto do branco omnipresente do seu mundo, decide marchar na procura doutras cores.





Estes días tivemos o pracer de recibir na biblioteca unha nova obra que xa está a disposición de todos vós, e coa que xa desfrutaron os pequenos de 6º de Inf. C. Esta obra non é outra que El dragón rojo (Libros del zorro rojo), de Max Velthuijs, un clásico que, sen dúbida, traerá moi boas lembranzas a nais e pais, e que nos lanza unha mensaxe que se antolla fundamental nos nosos días, a prol da convivencia e do respecto.


A historia sitúanos nun pequeno país situado nos confíns do mundo, onde a vida transcorre de maneira apracible e sen contratempos, até que un día aparece un enorme monstro. Ao principio os campesiños téñenlle medo, mais pouco a pouco van vendo que, máis alá de comer os seus cultivos, a criatura non parece representar ningunha ameaza, polo que primeiro deciden convertelo nun eficaz soldado e, máis tarde...


...nunha atracción turística.


Mais o certo é que ao monstro non parece interesarlle nada disto. O que si se lle dá realmente ben é botar lume pola boca! Mais, que utilidade pose ter isto para eles? Se queredes coñecer a resposta e saber como acaba esta fermosa historia non tedes máis que achegarvos á biblioteca a botarlle un ollo a este álbum ilustrado que, dunha maneira orixinal e desenfadada, nos achega a temas como a discriminación, a liberdade e, incluso, as enerxías renovables.


Aquí tedes aos pícaros de 6º de Inf. C desfrutando co conto:




Outro dos libros que nos ocupou estes días, e que xa viramos con varios grupos, foi A cousa que máis doe do mundo (OQO), de Paco Liván.



Esta vez as encargadas de achegar esta obra aos nenos foron Paula, unha das nosas orientadoras, e Nerea Díaz Balseiro (2ºESO C), que reflexionaron cos nenos de 1ºC de Primaria sobre o tema fundamental do libro: a mentira.



E por este curso rematamos cunha das nosas obras favoritas: O monstro de cores (Flamboyant), coa que Anna Llenas nos permitiu viaxar polo mundo das emocións.



Nesta ocasión foron os alumnos de 2ºC de Primaria os que riron e reflexionaron con este fermoso álbum ilustrado, que nos axudou a responder a preguntas como: que nos pon alegres? ou, que é iso da tristeza?



Todos os nenos, logo de escoitar o conto e de conversar sobre el, escribiron en tarxetas os seus pensamentos acerca de emocións como a tristeza ou o medo:





Despois chegou o momento de elaborar o mural:


Nel os pequenos foron pegando as tarxetas que previamente lemos entre todos:



E, como xa fixeramos semanas atrás, te quiero (casi siempre), a xenial obra de Anna Llenas publicada pola editorial Espasa e protagonizada por Lolo e Rita, volveunos visitar estes días. Como xa acontecera, esta fermosa historia invitounos novamente  á comprensión de aquilo que nos fai diferentes e amosounos o máxico efecto dos polos opostos.



Alba Seijas Longueira e Alba Iglesias Arias, de 4ºC de Primaria, foron as encargadas de achegar a historia aos seus compañeiros de clase. Parabéns ás dúas polo ben que o fixestes!




Mais os contacontos aínda non acabaron neste curso e varios grupos están a preparar novas historias. Calquera momento é bo para practicar. Aquí podedes ver como dous dos grupos de 4º aproveitan o recreo para ensaiar:




Hoxe, antes de rematar, queriamos compartir con todos vós dous momentos moi fermosos. O primeiro deles foi a visita que os pequenos de 5º de Infantil fixeron o venres pasado á Granxa O Ventoso (A Laracha), e que lles permitiu achegarse ao mundo dos animais de granxa. Así, porcos, galiñas, cabras ou ovellas fixeron desfrutar aos nosos pícaros. Aquí podedes ver a Enma pasándolle o cepillo a un poni:


E aquí tedes a Daniela preparada para dar unha volta en poni:


Mais non só os animais fixeron desfrutar aos pequenos, que tamén puideron visitar a horta, facer pan e probar diferentes froitas. As mazás estaban tan ricas que provocaban sorrisos tan fermosos como o de Inés:


Se queredes saber máis sobre a Granxa O Ventoso, non tedes máis que picar aquí. E desde o blog aproveitamos para agradecer aos monitores o ben que nos trataron. Moitas grazas polo voso cariño e por todo o que nos ensinastes.

Todas as fotos da visita están á vosa disposición en O Fogar Infantil. Non volas podedes perder! Picade aquí.

O segundo destes momentos que queremos compartir con vós ten que ver cun dos nosos docentes, Carlos Medrano, mestre de Inglés en Primaria e profesor de Lingua e Literatura Galega en Secundaria, e que a pasada semana chegou aos 10.000 xeroglíficos en La Voz de Galicia. E é que Carlos leva publicando neste xornal estas adiviñas gráficas desde o ano 1988. 



Todos aqueles que queirades saber algo máis sobre esta noticia non tedes máis que picar aquí. E tamén vos convidamos a mergullarvos no seu blog, Xogos de lingua, no que encontraredes, entre outras moitas cousas, a entrevista que Carles Francino lle fixo a Carlos no programa La Ventana, da Cadena Ser, con motivo desta impresionante cifra dos 10.000 xeroglíficos.



No hay comentarios:

Publicar un comentario