jueves, 1 de diciembre de 2016

BLOBLÓ, CARABUÑAS E UNHA PRINCESA NON TAN ROSA

A pasada semana volvemos vivir uns días cheos de contos na biblioteca. Días nos que vós, as nenas e os nenos do Fogar volvestes ser os grandes protagonistas. Aquí vos van algunhas das actividades máis destacadas da semana, como a desenvolvida por sete contacontos xeniais: Mireia, Laura, Alba Souto, Noa, Alba Seijas, Ainhoa e Alba Iglesias.



Este grupo de alumnas de 5ºC dramatizou para os pícaros de 4º de Infantil a obra de Ricardo Alcántara titulada Me marcho, ¡adiós! (SM), un álbum que nos achegou á historia do moniño Rosendo, que un día decidiu marchar da casa na procura dunha nai que o entendese, lle dese cariño, ulise ben e estivese disposta a mercarlle todo o que lle pedise. Logo de moito buscar, Rosendo voltará aos brazos da súa nai, entre os que se sente querido e protexido como en ningunha outra parte.






Outro conto que nos visitou estes días foi Blobló (Kalandraka), de Rai Bueno, co que viaxamos polo mundo dos soños dun neno, da man do seu boneco de peluche: o moniño Blobló.



Sara, Irene e Yina, de 3ºA de Primaria, foron as encargadas de contar esta historia aos nenos de 4º de Infantil.





Carabuñas (OQO), de Margarita del Mazo, achegounos a unha divertidísima historia que nos sitúa no inicio da sorprendente amizade entre un bruxo que caza nenos para a súa despensa e a que ía ser a súa próxima vítima.



Os pícaros de 2ºC de Primaria divertíronse coa dramatización que fixeron para eles Pablo, Lucía e Sofía, de 4ºB.






Tamén os rapaces da ESO nos fixeron viaxar polo mundo dos contos. Este foi o caso de  Ernesto, de 3ºC, que fixo desfrutar aos nenos de 1º de Primaria co álbum Orejas de mariposa (Kalandraka), con texto de Luisa Aguilar e ilustracións de André Neves; unha obra que nos fixo reflexionar sobre a autoestima, as diferenzas e o respecto aos demais.



Ernesto tamén nos contou La ridícula crema invisible, unha divertida historia que o curso pasado nos regalou o papá de Alba e de Lola Batalla cando nos visitou.


Silvia, Adriana e Sara sorprenderon aos nenos e ás nenas de 6º de Inf. B con Un libro (Kókinos), unha obra que nos demostra que a viaxe máis máxica pode comezar cun simple círculo amarelo.








E nestes días tamén recibimos novas visitas de avoas, como Mari Carmen, que fixo desfrutar aos nenos de 6º de Inf. B cun dos contos de sempre: Pinocho




Enma tamén desfrutou da visita da súa avoa e, xunto os seus compañeiros de 6º de Inf. A, pasouno en grande escoitando o conto Tú y yo. El cuento más hermoso del mundo (Combel).




Desde aquí vos recomendamos este fermoso álbum ilustrado, que describe con tenrura e humor as dúbidas, os sentimentos e a emoción dun neno cando chega un bebé a casa.


Así despediron os Iriños á avoa de Enma: cunha enorme aperta!



Estes días continuamos a traballar a igualdade, para o cal empregamos diferentes lecturas, como Maruxa (OQO), de Eva Mejuto, unha obra que xa vimos en semanas anteriores con outros grupos e que esta semana desfrutaron os nenos e as nenas de 5º Inf. B.



A historia de Maruxa e Pepiño fíxonos reflexionar sobre a importancia de repartir de maneira xusta as tarefas do fogar.






Corre, corre, Mary, corre (Lumen), escrito por N. M. Bodecker e ilustrado por Erik Blegvad, é outra das lecturas coas que gozaron esta semana os pícaros de 5º de Inf. B, e que nos achega con grandes doses de humor a un tema tan serio como a igualdade.





Nesta liña podemos situar outras obras que lemos esta semana, como Artur e Clementina (Kalandraka), un álbum creado por unha das nosas autoras favoritas, Adela Turín, e ilustrado por Nella Bosnia.



Con esta obra celebramos unha sesión de contacontos con 1ºC, na que reflexionamos sobre a igualdade, o respecto, a amizade, o amor...





Pola igualdade tamén traballamos en 3º e en 4º de Primaria, cursos nos que levamos a cabo unha actividade na que lemos a obra ¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa? (Thule Ediciones), e tratamos de fuxir dos estereotipos mediante a creación de historias, a elaboración de debuxos e algo que nos encanta: o debate.







A lectura deste álbum de Raquel Díaz Reguera permitiunos reflexionar e intercambiar ideas e opinións sobre o tema:




E os risos chegaron con Las princesas también se tiran pedos (Algar), un divertidísimo libro de Ilan Brenman co que os nenos riron a cachón, e que nos veu a demostrar que os temas serios tamén se poden traballar con sentido do humor.





Pequeño Azul y Pequeño Amarillo (Kalandraka), de Leo Lionni, nos permitiu achegarnos a temas como a amizade, a solidariedade e a convivencia a través das cores.



Os alumnos de 6º de Inf. C divertíronse con este conto e coa luminosa sorpresa que Noe, a súa profe, lles tiña preparada:




E a semana rematou con ¡Soy una niña! (Corimbo), de Yasmeen Ismail, que nos presenta unha historia protagonizada por unha nena rebelde e, algunhas veces, descarada, á que lle gustan a velocidade, a música e moitos xogos, e que incluso, ás veces, improvisa. Unha e outra vez a confunden cun neno, malia que ela repite a todo o mundo que é unha nena. Detrás deste argumento, aparentemente, tan sinxelo, se agocha unha divertida historia que racha cos estereotipos do que habitualmente se espera de cada sexo.




Aquí vedes as nenas e os nenos de 5ºInf. B escoitando atentamente o conto:








No hay comentarios:

Publicar un comentario