miércoles, 7 de diciembre de 2016

UNHA VIDA CALQUERA

Frío, fame, medo, soidade... Durante uns minutos as nenas e os nenos de 6º de Primaria se puxeron na pel dunha persoa sen fogar, a través do testemuño de Isabel, Laura e Ángel, tres alumnos do noso Centro, de 2º de Bacharelato, que cada venres dedican unhas horas da súa vida a dar precisamente iso, vida, ás persoas que viven na rúa. Como o fan? Pois colaborando co proxecto Boa Noite, nacido ben cerquiña do Fogar, na parroquia coruñesa de San Francisco de Asís. Estes tres xoves, xunto con persoas como Virginia, que tamén nos acompañou na sesión, percorren as rúas da nosa cidade axudando os máis necesitados.



Ángel, Isabel, Laura e Virginia nos contaron como cada venres, arredor das nove da noite, se reúnen na parroquia para preparar café, chocolate e sopiña ben quente para repartir entre a xente que máis o necesita. En caixeiros automáticos, en bancos das prazas ou en portais, estes xoves entregan á xente sen fogar alimento para o corpo, mais tamén para a alma, pois xunto co café e os bocadillos, regalan tamén algo moi valioso: o seu tempo. 





A comida é algo que agradecen as persoas ás que lla dan; porén, ás veces, o mellor agasallo para elas é un sorriso, unha conversa ou, simplemente, unha mirada dunha persoa que se preocupa por eles, que non os mira con rexeitamento, que non os xulga; unha persoa que os escoita, sen pedirlles nada a cambio. E malia todo o que regalan, estes catro xoves solidarios coinciden nunha cousa: cada venres, eles reciben tanto como dan.





As nenas e os nenos de 6º seguiron atentos as palabras dos maiores e logo, chegou o momento das preguntas. Foron moitas as cuestións ás que tiveron que dar resposta Isabel, Ángel, Laura e Virginia, pois o tema impactou enormemente aos alumnos que os escoitaban.  



Todos aqueles que queirades saber algo máis sobre o proxecto Boa Noite, non tedes máis que picar aquí.

Para preparar a sesión, antes do encontro cos nosos alumnos de Bacharelato os nenos e as nenas de 6º leron na clase Una vida cualquiera (Lóguez), unha obra de Kirsten Boie e Jutta Bauer sobre as persoas sen fogar.






1 comentario: