jueves, 14 de diciembre de 2017

WILLY E CRISTINA LÉVANNOS ATÉ PERÚ

Este martes vivimos unha tarde moi especial grazas á visita de Willy e de Cristina, que pasaron pola biblioteca para manter un encontro co seu fillo Nico e os seus compañeiros de 5º Inf. A. Willy, natural de Perú, falounos da súa terra: das costumes, da gastronomía, dos bailes tradicionais, da fauna, dos principais monumentos...









Como nos explicou Willy, Perú é costa, montañas e selva. Os pícaros quedaron impresionados coa beleza da paisaxe, cos impresionantes monumentos e coa diversidade da flora e da fauna peruanas. 

Aquí vos deixamos unha mostra dos elementos que máis chamaron a atención dos nenos e das nenas de 5º Inf. A:

Machu Pichu: antiga cidade inca, construida no s.XV no alto dunha montaña, converteuse nun dos símbolos de Perú. 


Fortaleza de Kuélap: importante conxunto arquitectónico anterior ao Imperio Inca.





Liñas de Nazca: antigos xeoglifos trazados pola cultura nazca, declarados Patrimonio da Humanidade. Trátase de varios centos de xigantescas figuras animais, humanas e xeométricas só visibles desde certa altura. Constitúen un dos grandes misterios arqueolóxicos de todos os tempos, existindo múltiples teorías sobre a súa creación, o seu significado e a súa utilidade.


Baños del Inca: ubicado no balneario de Pultumaka, era o lugar onde Atahualpa, o último soberano inca, tomaba os seus baños.


Cordillera Azul: parque nacional que constitúe unha das ecorrexións de maior diversidade biolóxica do planeta.


Gallito de las rocas: ave símbolo de Perú, que chamou a atención dos nenos pola súa fermosa cor.


Anaconda: serpe constrictora da familia das boas, presente en diferentes países de América do Sur, como Perú. Trátase da serpe de maior peso, e xunto coa pitón, é tamén a máis grande.


Ceviche: prato nacional de Perú, a base de peixe, ají e limón.


Pachamanca: prato típico da gastronomía peruana, elaborado pola cocción ao calor, por medio de pedras previamente quecidas, de carnes de vacún, porco, polo ou cuy, aderezados con múltiples ingredientes, como chincho, pemento e diferentes especias, xunto con produtos orixinais andinos como patacas, batatas, fabas ou choclo.


Tamal: prato de orixe indoamericano, preparado a base de masa de millo rechea de carnes, vexetais, chiles, froitas, salsas e outros ingrededientes. Logo de envolver todo nunha folla de plátano, de maguey, de aguacate, ou de canak, cócese en auga ou ao vapor.


Queremos agradecer a Willy e a Cristina a implicación que demostran sempre co colexio e a amabilidade que amosan no trato cos alumnos cada vez que nos visitan.


GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar

miércoles, 13 de diciembre de 2017

O APALPADOR VISITA O FOGAR

O Apalpador, acompañado por dous axudantes, pasou esta mañá polo Fogar para visitar aos pícaros da Gardería e de Infantil.



Ademais de conversar cos nenos, leron para eles a obra O Apalpador (Biblos), escrita por unha persoa moi querida por nós, o escritor e xornalista Xoán González, experto nesta figura do Nadal galego, e que xa visitou o noso colexio o curso pasado para achegarnos a ela.



Aquí vos deixamos algunhas fotos do percorrido do Apalpador por Gardería e Infantil:










Desde aquí queremos dar as grazas ao Apalpador e as seus dous axudantes polo ben que nolo fixeron pasar.

domingo, 10 de diciembre de 2017

NATALIA PRESÉNTANOS O QUEBRANOCES

Logo dos encontros coas avoas e cos avós, que nos visitaron ao longo de outubro e novembro, agora chega o momento de recibirvos ás mamás e aos papás que queirades vir facernos desfrutar cun conto de Nadal, a contarnos como ides celebrar estas datas ou como era o Nadal cando erades pequenos, etc. Así, o pasado martes recibimos a primeira destas visitas, a de Natalia, mamá de Sofía, alumna de 6º Inf. A, que nos divertiu enormemente contándonos El cascanueces, nunha fermosa edición de Bruño, con texto de Katy Flint e ilustracións de Jessica Courtney-Tickle.



Con Natalia seguimos a Clara na súa máxica aventura a través deste ballet clásico, vibramos coa batalla do quebranoces contra o rei dos ratos, coñecemos á Fada de Azucre e até viaxamos ao Reino dos Doces.



Todos gozamos escoitando a Natalia e vendo as fermosas ilustracións do libro:



E mesmo comemos noces:



Pero unha das cousas que máis nos gustou a todos foi poder desfrutar coa música de El cascanueces de Chaikovski, grazas a esta edición de Bruño, que en cada páxina convirte a historia en música con só pulsar un botón.




Desde aquí queremos darche as grazas, Natalia, pola sesión tan divertida que nos ofreceches e por todo o que fixeches desfrutar a Sofía e aos seus compañeiros de 6º Inf. A. E ás mamás e aos papás que queirades virnos visitar e falarnos do voso Nadal, aquí vos agardamos.


sábado, 9 de diciembre de 2017

PERCORREMOS VENEZUELA CON JESÚS E ESTELA


Hai uns días tivemos o pracer de recibir a visita dun venezolano moi especial, Jesús, pai de Estela, alumna de 5ºB. Xuntos, nos levaron de viaxe por Venezuela, nunha sesión na que desfrutamos enormemente escoitando faltar do Salto de Ángel, do Escudo guayanés, do asado negro...






Jesús e Estela comezaron explicándonos a orixe do nome Venezuela, punto no que, como nos contaron, existen diversas teorías. Entre elas, destacaremos dúas: unha que afirma que Venezuela é un nome autóctono que en lingua indíxena significa "Agua grande", en alusión ao gran Lago Maracaibo; e outra, máis aceptada, que defende que foron os conquistadores españois quenes bautizaron así a esta rexión, por mor da semellanza das construcións indíxenas coa paisaxe da cidade italiana de Venecia.




Grazas a Jesús e a Estela, agora coñecemos moitos outros aspectos do país, como que Venezuela é a nación con máis petróleo do mundo; que nela atopamos o lago máis grande de toda América Latina: o Lago Maracaibo; ou que neste país tamén se encontra unha auténtica marabilla da natureza, como o Salto de Ángel, o salto de auga máis alto do mundo, cunha altura de 979 metros e 807 metros de caída ininterrompida.



En Venezuela, tal e como nos contaron os nosos guías, se encontra tamén o fermoso Archipiélago Los Roques, un dos principais atractivos turísticos do país. Aí temos o arrecife de coral máis grande do Caribe e o parque mariño máis grande de América Latina.



E continuando con outras marabillas da natureza, non podemos deixar de referirnos, seguindo a Estela e a Jesús, ao Escudo guayanés, unha das formacións xeolóxicas máis antigas da Terra, situado, entre outros países, en Venezuela. Nel chaman a atención os tepuyes, unhas mesetas moi elevadas e de pendentes verticais, destacando o Monte Roraima.



Nesta sesión tamén coñecemos marabillas feitas polo ser humano, como a Ponte de Maracaibo, a segunda máis longa de América Latina, con 8678 metros de lonxitude.



Ou o teleférico de Mérida, o máis alto do mundo e o segundo máis longo, con 12,5 kilómetros de traxecto e unha altura de 4765 metros sobre o nivel do mar.



Este teleférico chega até o punto máis alto do país, o Pico Bolívar, situado a 4978 metros sobre o nivel do mar.



Con Jesús e con Estela tamén nos detivemos, novamente, nas comidas máis típicas de Venezuela. Aquí vos deixamos algunhas das que máis nos encheron o ollo:

Pabellón criollo: prato nacional por excelencia, composto por arroz branco cocido, carne, feixóns negros e plátano fritido.

Hallaca: masa de fariña de millo sazonada con caldo de galiña ou de polo e onoto,  rechea con guiso de carne de res, porco e galiña ou polo, ao cal se lle engaden olivas, uvas pasas, alcaparras, cebola e pimentón. Envólvese todo en follas de plátano, logrando unha forma rectangular, e finalmente se ata e se ferve en auga.

Cachapa: prato típico a base de millo, ao que se lle engaden diferentes ingredientes como queixo, azucre, ovo, sal, fariña de trigo, ou leite, e que se cociña en tixola ou en budare.

Asado negro: prato consistente nunha tallada de carne con forma cilíndrica, extraída da parte traseira da res, que  se prepara con especias e papelón (produto directo da melaza da cana de azucre fervida e callada en forma de pasta). O papelón, xunto co viño e o ají doce, dálle un ton escuro e un sabor doce.

Pelao guayanés: preparado con galiña ou polo e arroz,  aos que se lles engade unha grande cantidade de ingredientes, como papelón, cebola, pimentón, ajíes doces, allo, tomate, pementa negra...

O que acabamos de ver non é máis que un pequeno exemplo de todo o que aprendemos con Jesús e con Estela, un pai e unha filla xeniais que malia levar con nós tan só uns meses, xa forman parte da familia do Fogar.


GuardarGuardar