domingo, 22 de enero de 2017

OSOS, PELOSTORTOS, LOBAS, BRUXAS E... QUE SON OS SORRISOS?


Unha vez máis, a biblioteca volveu encherse estes días de mil e unha historias, nas que os grandes protagonistas seguiron a ser os nenos e as nenas do Fogar. Algunhas destas historias nos lembraron unha festa que está a piques de chegar: o Entroido; outras nos fixeron reflexionar acerca de temas como a diversidade ou o respecto aos demais; e houbo incluso unha que nos lembrou a importancia de coidar a natureza.

Unha das actividades que máis fixo desfrutar aos rapaces foi a dramatización do álbum Ricitos de Oso (Juventud), realizada por un grupo de actores e actrices xeniais de 1º da ESO para o alumnado de 1ºA de Primaria.  Esta obra chea de humor, nos permitiu achegarnos ao mundo das convencións sociais e dos xéneros establecidos, a través da historia de Osiño, que ten moi claro de que quere ir disfrazado ao Gran Carnaval do bosque: de Riciños de Oso. Papá Oso, porén, non cre que isto sexa adecuado. Un osiño debe ir disfrazado de cabaleiro ou de ogro, mais non de Riciños de Oso, pensa el. Queredes saber como remata esta historia? Pois non tedes máis que mergullarvos nas páxinas deste fermoso álbum, escrito por Stéphane Servan e ilustrado por Laetitia Le Saux.



Aquí vos deixamos algunhas fotos desta divertida dramatización, que correu a cargo de Andrea, Antón, Fran, Iván, Carla, Fernando e Sandra, todos eles de 1ºESO A.  








Estes días recibimos a visita dunha obra que fixo tremer a máis de un: A figueira de Pelostortos (OQO), unha adaptación dun relato tradicional español realizada pola coñecida contacontos Ana García Castellano. Con este álbum, tan terrorífico como divertido, e co seu avarento e malvado protagonista, Pelostortos, aprendemos que hai que ter conta co que prometemos, pois ás veces esas promesas poden ter aterradoras consecuencias... Agora as nenas e os nenos de Infantil e de 1º de Primaria xa coñecen o que lle pasou a Pelostortos polo seu egoísmo e polas súas palabras: 
-Antes me leven as almas en pena
que darvos un figo da miña figueira!



Os pícaros desfrutaron enormemente coas ilustracións do álbum, realizadas polo artista bilbaíno Mikel Mardones:




Foron moitos os grupos que tiveron a oportunidade de rir e tremer con esta obra. Aquí podedes ver algúns momentos da lectura con diferentes clases:

Isabel, alumna de 2º de Bacharelato, realizou a lectura para o alumnado de 5ºInf.B.

Lectura a 4ºInf.A.


Lectura a 5ºInf.C.


Lectura a 6ºInf.B.


Así de atentos estiveron todos, non fose aparecer Pelostortos...




E logo de escoitar o conto, puxémonos mans á obra cuns retratos de Pelostortos, que polo camiño perderan as cores e os pelos. A nós tocounos, polo tanto, colorealos e poñerlles pelos.


Paula, de 4ºESO A, axudou aos pícaros de 6ºInf. A a colorear os debuxos.

















Así de terroríficos nos quedaron os retratos:




Estes días tamén nos detivemos con varios grupos nunha obra que acaba de chegar á biblioteca, e que nos recomendou Silvia, nai de Mateo (1ºA) e de Lucas (4ºC), cando nos visitou. Esta obra non é outra que Lola la loba (SM), escrita por Almudena Taboada e ilustrada por Ulises Wensell. Trátase dun álbum que nos amosa a problemática dos enfermos de lesión medular, enfrontados a un medio cheo de obstáculos.



Aquí podedes ver os nenos e as nenas de 5ºInf. A escoitando a historia de Lola, unha loba que se despraza en cadeira de rodas por mor dunha discapacidade que lle impide camiñar normalmente.





Unha bruxa tamén se pasou pola biblioteca estes días, grazas ao conto de Julia Dobaldson ¡Cómo mola tu escoba! (Macmillan), ilustrado polo prestixioso artista gráfico Axel Scheffler. 



Este divertidísimo álbum, traducido a 36 linguas, fixo rir ás gargalladas aos pícaros de 5ºInf. C, que o pasaron en grande coas aventuras e desventuras desta curiosa bruxa.




Estes días saímos, novamente, á procura dun oso. Nesta ocasión foron os nenos e as nenas de 5ºInf. B os que viviron esta apaixonante aventura da man de Aitana e de Inés (4ºB de Primaria), que leron a obra de Michael Rosen Imos cazar un oso (Kalandraka).



Con Aitana e Inés, viaxamos pola biblioteca atravesando un campo de herba, un bosque, un río..., e vivimos unha aventura chea de imprevistos.



O alumnado de 4º de Primaria representou estes días varias obras de teatro, creadas polos propios actores e actrices: Candela, Inés, Claudia, Aitana, Lucía, Sofía e Pablo. Con elas abordamos temas como a amizade, o respecto ou a resolución de conflitos. Aquí vos deixamos algunhas fotos destas sesións: 








Outro dos libros que nos ocupou estes días foi Un problema grande (Kalandraka), un álbum escrito por Oli e ilustrado por Felix Eckardt, que a través do texto e das imaxes, nos foi descubrindo como lle afecta ao protagonista, Pablo, a chegada dunha irmá. Ao principio, Pablo ve nisto un problema, mais pouco a pouco, a irmá, á que consideraba unha rival, se irá convertendo nunha gran aliada.



Claudia e Miriam, alumnas de 4ºC, contaron esta fermosa historia aos alumnos de 2ºB:



En 4º de Primaria seguimos a traballar con Orejas de mariposa (Kalandraka), un álbum con texto de Luisa Aguilar e ilustracións de André Neves, que nos fala do respecto, da autoestima e de como debemos poñer en valor aquelas características persoais que nos diferencian dos demais, pois nos distinguen como seres únicos e especiais.



Aitana e Candela leron para os seus compañeiros de 4ºB esta fermosa obra, que comeza así:

- ¡Mara es una orejotas!  
- Mamá, ¿tú crees que soy una orejotas?
- No, hija. Tienes orejas de mariposa. 
- Pero, ¿cómo son las orejas de mariposa? 
- Pues son orejas que revolotean sobre la cabeza y pintan de colores las cosas feas.





Pola súa banda, en 4ºA, foi un grupo formado por Irene, Eduardo, Laura, Leyre, Carla e Cristian quen dramatizou a historia de Mara para os seus compañeiros. Logo da dramatización, eles mesmos guiaron o debate xurdido a partir da obra.


 



E debate tamén xurdiu logo da lectura de Papá, que son os sorrisos? (Galebook), un álbum escrito pola ceense María Canosa e ilustrado por Dani Padrón, que nos conta a historia de Miguel, un neno que aprenderá que no camiño á felicidade existen elementos cotiáns que, aínda que nos parecen moi importantes, en realidade son totalmente prescindibles; e outros que, pola contra, se tornan básicos, e sen eles dificilmente podemos seguir adiante.



Lola, Lucía e Arianne achegaron aos seus compañeiros de 6ºA esta obra de María Canosa, que nos lembra algo fundamental: a importancia do respecto á natureza e aos que nos rodean.





Estas foron algunhas das actividades que vivimos na biblioteca ao longo destes días, nos que tamén nos detivemos en dúas datas que están a piques de chegar: o Día Internacional da Conmemoración das Vítimas do Holocausto (27 de xaneiro) e o Día Mundial da Non Violencia e a Paz (30 de xaneiro). Para despedirnos aquí vos deixamos algunhas das obras relacionadas con estas conmemoracións, coas que andamos a traballar estes días, e das que vos falaremos noutra entrada:










GuardarGuardar

No hay comentarios:

Publicar un comentario