domingo, 12 de febrero de 2017

COMEZAMOS CON RICIÑOS DE OSO, SEGUIMOS CUN LIBRO SEN DEBUXOS E REMATAMOS CON LUGRÍS

Estes días continuamos coas actividades na biblioteca e, entre elas, volveron destacar as que dedicamos a un conto que está a encantar aos nenos do Fogar: Ricitos de Oso (Juventud), de Stéphane Servante e Laetitia Le Saux. Unha vez máis, os encargados de poñer este conto en escena foron Fernando, Andrea, Carla, Antón, Iván, Izan, Fran e Sandra, todos eles de 1ºESO A.



Foron xa moitos os grupos que tiveron ocasión de gozar coa dramatización dun álbum que, en clave de humor, realiza unha crítica das convencións sociais e dos xéneros establecidos.



Aquí vos deixamos algunhas fotos das últimas representacións, realizadas para 2ºC e 3ºC de Primaria:











Outro libro co que continuamos a traballar estes días foi Orejas de mariposa (Kalandraka), con texto de Luisa Aguilar e ilustracións de André Neves. 



Antía e Ariadna leron para os seus compañeiros de 4ºC de Primaria este álbum, que nos dá a receita máxica para afrontar as críticas e as burlas: autoestima, imaxinación e espontaneidade.






Os alumnos de 4º A de Infantil e 1ºA de Primaria tamén tiveron a sorte de desfrutar deste conto, grazas a Leyre, Laura, Carla, Eduardo, Irene e Cristian, de 4ºA, que desenvolveron para eles unha divertida sesión arredor desta obra de Luisa Aguilar.







E a biblioteca volveu encherse de terror e arrepíos, pois, a petición dos alumnos de 5ºInf. A, volveunos visitar o temible Pelostortos. Este ser avarento e malvado, deixou atrás por uns minutos o seu egoísmo e até nos trouxo unha cesta de figos da súa figueira, que nos serviron de merenda.



Aquí podedes ver como os pícaros atenden á lectura de Pelostortos (OQO), de Ana García Castellano, momentos antes de que Pelostortos pasase pola biblioteca a regalarnos algúns dos seus figos.




Outra das obras coas que desfrutaron estes días os menos de Infantil foi A bruxa tola (Xerais), de Josep Gregori; un álbum da colección "Paseniño", que nos amosa o que pode pasar cando unha bruxa con malas intención entra sen avisar na casa dunha nena.



Claudia e Alba, dúas fantásticas contacontos de 4ºC de Primaria, dramatizaron este conto para 4ºInf. C e 5ºInf. C:








Unha das novidades que nos visitou estes días, e que logrou arrincar as maiores gargalladas, foi El libro sin dibujos (Planeta), de B. J. Novak. Trátase dunha obra para ler ante un público, e que baixo a súa apariencia seria, esconde un libro tan tolo como divertido. Sen dúbida, recomendámolo a calquera que quera pasar uns momentos ateigados de risos, risos e máis risos.



Foron  xa varios os grupos que puideron rir con este conto, que irá "visitando" semana tras semana aos diferentes grupos de Infantil e Primaria. Aquí vos deixamos algunha foto destas sesións. Nunha delas, Carmen Cordonié leu a obra de Novak para 2ºB de Primaria:





Tamén en Infantil desfrutaron dela, como por exemplo en 6ºInf. A, que escoitaron o conto na boca de Irene, unha xenial contacontos de 5 anos:






Aquí vos deixamos un video que vos demostrará que, cando estamos a dicir que esta obra fai aos nenos rir a cachón, non estamos a falar por falar:



Estes días tamén tivemos tempo para deternos nun clásico da liretatura infantil: El hombrecillo de papel (Everest), de Fernando Alonso; un álbum que nos permitiu falar sobre temas fundamentais, como a amizade, a paz ou a violencia.



Leo foi o encargado de ler esta obra aos pícaros de 6ºInf. C, no que está a súa irmá Noa, que desfrutou especialmente da sesión.






Outro grupo de 6º de Inf., neste caso 6ºInf. A, gozou  con outro conto que tamén nos serviu para reflexionar, neste caso sobre a importancia da cooperación. A obra que nos permitiu achegarmos a este tema foi La manzana roja (Juventud), do turco Feridun Oral.



Samantha, Marta e Sabrina, de 3ºC de Primaria leron este álbum para os pequenos de Infantil:





Avoa, xa non estás soa (Edelvives), de Bette Westera, tamén nos fixo gozar estes días, grazas a Antón e a súa avoa, á que vai visitar para pasar uns días na vila xuntos.



Os nenos e as nenas de 5ºInf. B asistiron, atentos, á lectura desta obra chea de tenrura e humor:




A tenrura tamén nos invadiu  coa lectura de Non fai falta a voz (OQO), unha obra de Armando Quintero, con ilustracións de Marco Somá, que nos lembra que hai moitas formas de amosar o noso amor polos demais, máis aló das palabras.



Alba e Daniela, de 5ºB de Primaria, leron este álbum para 1ºA:









E para finalizar o repaso a algunhas das obras que máis nos fixeron desfrutar estes días, destacaremos Bailar nas nubes (Kalandraka), un álbum da arxentina Vanina Starkoff que, a través do soño dunha nena que desexa bailar coas nubes, nos permitiu reflexionar sobre o respecto a outras culturas e a convivencia pacífica entre persoas de procedencias moi diversas.



Yago e Jaime, alumnos de 5ºB de Primaria, leron este conto para 2ºC. África, irmá de Jaime, desfrutou especialmente da sesión.







Para despedirnos, aquí vos deixamos as creacións dos grupos de 6º de Infantil, inspiradas nun mural do artista coruñés Urbano Lugrís. Esta actividade levouse a cabo durante a visita dos pequenos ao Museo de Belas Artes da Coruña .





E aquí vos deixamos a obra de Lugrís na que se inspiraron os nosos pequenos:


GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar

No hay comentarios:

Publicar un comentario