viernes, 15 de diciembre de 2017

VISITAMOS TRES CONTINENTES CON MAMÁS E PAPÁS DE 6º DE INFANTIL

A tarde deste martes resultou máxica grazas a un grupo de mamás e papás de 6º de Infantil, que nos levaron da man por Portugal, Senegal, Perú, Colombia e Arxentina, países dos que proceden. Grazas a eles, que visitaron a biblioteca para manter un encontro cos seus fillos e cos compañeiros destes, nos achegamos a outros lugares, a outras culturas e a outras formas de celebrar o Nadal e, sobre todo,  aprendemos e desfrutamos con estes papás e estas mamás xeniais.

Unha destas viaxes levounos moi cerquiña de aquí, a Portugal, país do que provén Sonia, nai de Joel, que nos falou das tradicións máis típicas do Nadal no país veciño, moitas das cales, como puidemos observar, coinciden coas nosas propias tradicións. Sonia explicounos, por exemplo, como, do mesmo xeito que acontece en Galicia, en Portugal as familias se reúnen para cear o 24 de decembro, noite na que na mesa se desfruta de bacallao, de pavo asado...



Entre os numerosos postres típicos do Nadal que nomeou Sonia, quedámonos con dous que tamén podemos desfrutar en terras galegas: o bolo de rei e as rabanadas.



E unha das cousas que máis alegrou aos pícaros é que, tal e como nos contou Sonia, nesa noite, en Portugal, tamén chega un velliño de barba branca que deixa agasallos nas casas: o Pai Natal.




A nosa viaxe non se detivo en Portugal, e con Aminata, mamá de Nafi, viaxamos ao seu país natal: Senegal.



Ubicado na parte oeste do continente africano, tal e como explicou Aminata aos nenos de 6º de Infantil, a República de Senegal é un país con capital en Dakar, e que debe o seu nome ao Río Senegal.




Os nenos e as nenas desfrutaron escoitando diferentes aspectos da cultura senegalesa, entre os cales lles chamou especialmente a atención a enorme variedade de linguas existentes no país, no que, ademais do francés, idioma oficial de Senegal, e do wolof, lingua nacional, encontramos unha gran cantidade de dialectos falados nas diferentes rexións do país.


Nesta tarde máxica tamén viaxamos até América do Sur, para visitar Perú con Willy e con Cristina, pais de Jimena. 



Willy, natural de Perú, falounos de diferentes aspectos do seu país, como a bandeira, as danzas tradicionais, os monumentos máis emblemáticos, as comidas típicas e a fauna da zona.



Os pícaros ficaron abraiados coa inmensidade do río Amazonas:



A nosa viaxe por América do Sur continuou por Colombia, país do que procede Cristian, pai de Marian, que nos falou de como se celebra o Nadal na súa terra.



Cristian nos explicou como en Colombia tamén é tradicional poñer a árbore de Nadal ou cantar vilancicos, e nos abriu o apetito ao falarnos de dúas das comidas máis típicas desas datas: a natilla e os buñuelos.





E do norte de América do Sur...



Viaxamos até o sur, a Arxentina.



Luciana, nai de Pedro, que xa nos visitara hai unhas semanas para falarnos de Buenos Aires, volveu pola biblioteca para conversar con nós acerca das principais tradicións de Nadal do seu país natal: Arxentina.



Tal e como nos explicou Luciana, malia que o Nadal en Arxentina é moi semellante ao que celebramos aquí en Galicia, con xornadas en familia, cea en Noiteboa ou chegada de Papá Noel, si hai un aspecto que o fai totalmente diferente, como é o feito de que, ao encontrarse no Hemisferio Sur, en Arxentina reciben o Nadal con sol e calor, xa que nesas datas están no verán.


Desde aquí vos queremos dar as grazas a este grupo de mamás e papás por regalarnos o voso tempo e por contarnos tantas cousas e facelo con tanta paciencia. Grazas por ensinarnos tanto e por implicarvos neste proxecto, "UN FOGAR DE PAÍSES", no que estamos a achegarnos ás diferentes culturas e nacionalidades presentes no noso Centro.



GuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardarGuardar

No hay comentarios:

Publicar un comentario