lunes, 5 de febrero de 2018

VIAXAMOS A COLOMBIA CON YOHARA

Dentro do proxecto que nos ocupa este curso, UN FOGAR DE PAÍSES, no cal andamos a achegarnos ás diferentes nacionalidades que compoñen o Fogar, os nenos e  as nenas de 2ºA de Primaria decidiron investigar sobre Colombia, o país natal dos devanceiros de Kelled, un dos membros do grupo. Para axudalos coa investigación, visitounos Yohara, a mamá de Kelled, que nos falou do seu país de procedencia e nos deixou a todos con ganas de visitar unha terra cunha impresionante beleza cultural e paisaxística, berce de persoeiros tan importantes como o escritor Gabriel García Márquez ou o pintor, escultor e debuxante Fernando botero.



O alumnado de 2ºA escoitou, atento, as palabras de Yohara, que nos falou das principais cidades de Colombia, da súa música, dos traxes tradicionais, da gastronomía, do clima, das celebracións máis importantes, etc.






Aquí vos deixamos algunhas razóns para visitar Colombia:

Pasear polas fermosas rúas de Cartagena de Indias e desfrutar da impresionante arquitectura colonial.


Desfrutar da beleza de Caño Cristales, tamén coñecido como o río das cinco cores. No fondo deste río atopamos algas de diversas tonalidades, que producen a sensación de estar perante un río de varias cores.

Coñecer o Santuario de Las Lajas, un impresionante templo dedicado a Nuestra Señora de Las Lajas, ubicado en Ipiales e edificado a comezos do s.XX.


Relaxarse nalgún dos seus paradisíacos recunchos, como a Illa de San Andrés.


Contemplar a Cidade Perdida, un antigo poboado indíxena tayrona, construido arredor do s.VIII e considerado un dos xacementos arqueolóxicos de Colombia.


Admirar a Pedra do Peñol, un abraiante monolito de 220 metros de altura localizado en Guatapé (Antioquia), e ascender até o cumio polos seus 740 escalóns.


Queremos dar as grazas a Yohara por visitarnos e por ensinarnos tantas cousas de Colombia.


No hay comentarios:

Publicar un comentario